Cultura

A biblioteca da Xunta "Nós" celebra en marzo os días da muller e da poesía

Haberá espectáculos para público infantil centrados nestas efemérides, así como mostras e a presentación dun poemario. A maiores desenvolveranse as habituais sesións de narración oral para cativada de catro a seis anos e para bebés

Óscar Gómez

Ourense | 01.03.2022 09:24

A biblioteca da Xunta "Nós" celebra en marzo os días da muller e da poesía
A biblioteca da Xunta "Nós" celebra en marzo os días da muller e da poesía | onda cero

A Biblioteca Pública da Xunta en Ourense ‘Nós’ celebra en marzo o Día internacional da muller e o Día mundial da poesía con espectáculos de narración oral, mostras e a presentación do poemario A vida nas botas. A maiores, ao longo do mes haberá as habituais sesións de contacontos para público infantil de diferentes idades e unha charla sobre a endometriose para público adulto. Todas as propostas precisan inscrición previa e poden consultarse na web do centro.

Xa este mércores terá lugar o contacontos inclusivo Signos que contan, para rapazada de sete a 12 anos, a cargo de María Luísa Lombardero como intérprete e Fátima Fernández como narradora. A próxima semana arrancará coa habitual sesión de Contiños con Susana, que se desenvolve cada martes para público de catro a seis anos. Así, a proposta ofrecerase os días 8, 15, 22 e 29 con contidos diferentes.

O mércores será Sarabela Teatro quen protagonice o espectáculo, dirixido neste caso a nenos e nenas de sete a 12 anos, con Érase unha princesa que se salvou soa, enmarcado no Día internacional da muller. A compañía volverá o día 23 para celebrar o Día mundial da poesía con Bichopoemas e o 30 no marco do Día do libro infantil e xuvenil, que se conmemora o 2 de abril. Os xoves serán para os bebés de ata tres anos, con sesións os días 10 e 24. Na primeira delas estará Raquel Galavís con Cantacontos e na segunda, Olga Cuervo con Ssshhh…! A durmir.

Propostas para público adulto

Canto ao público adulto, ademais das actividades regulares, como os diferentes clubs de lectura ou o de cinema, na xornada do 17 ás 19,00 horas ofrecerase a charla Endometriose, a epidemia oculta. Nela, a presidenta da asociación Querendo, Cristina Fernández, explicará as consecuencias desta enfermidade, como lles afecta ás mulleres e a resposta da ciencia.

Outra das propostas para maiores céntrase na celebración do Día mundial da poesía, coa presentación o mércores 23 do poemario A vida nas botas, do cantautor monfortino Antón Valcarce e inspirado na Ribeira Sacra. No acto o autor poralle voz e música aos poemas, reflexionando sobre a forza sonora das palabras.

Mostras

No que se refire ás mostras, co gallo do Día internacional da muller seleccionaranse novelas femininas e de mirada feminista a partir do día 3 e ao longo de todo o mes. Ademais mantense a exposición central Pobre Asunción!, arredor do tratamento da violencia de xénero na prensa, instalada en febreiro pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade e que permanecerá ata maio. Nos primeiros días de marzo tamén continúan as mostras bibliográficas En febreiro pasámonos ao rosa, cunha escolma de novela romántica, e O noso Entroido, con imaxes e máscaras ourensás desta celebración.

Pola súa banda o espazo destinado a creadores e creadoras ourensáns CreOu estará protagonizado polo estudante de Bacharelato Joaquín Moreiras Dacosta, co título Vida, con pezas de fotografía, pintura, poesía. A partir do vindeiro luns e ata o 13 de abril poderá contemplarse a primeira exposición deste amante da arte, do deseño e do jazz, coa que ofrece un percorrido por algunhas das súas obras e lle dá voz a un espírito creativo cheo de sentimentos encontrados.