Desde o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense lamentan o acontecido na pasada madrugada durante a celebración das festas do barrio do Couto e nas que diante da actuación dunha das orquestras contratadas, a falla de organización e control do evento propiciou momentos de moitísima tensión e incertidume, póndose en risco á veciñanza participante.
Segundo o portavoz nacionalista Luis Seara, "o acontecido debe facernos reflexionar a todos pero moi especialmente ao concello no tocante a cómo se deben organizar e, sobor de todo, vixiar este tipo de eventos tan multitudinarios".
Seara lamente que lonxe de asumir algún tipo de responsabilidade ou autocrítica, o alcalde "gábase dun feito que puido rematar en traxedia, banalizando o sucedido e mesmo incitando a que volva ocorrer".
Esa é nestes momentos a preocupación do BNG, que o acontecido no Couto poida reproducirse nas vindeiras festas de barrio previstas como é o caso das de Barrocás e nas que tamén está prevista a actuación de importantes orquestras do país.
O portavoz nacionalista agarda que "o Goberno PP-DO tomara nota e adopte todas as medidas de seguridade precisas para evitar que se volva repetir algo similar", e engade, "solicitaremos que antes das vindeiras festas previstas dentro do concello, sexa presentado públicamente o plan de seguridade das mesmas".
Plan de Emerxencias Municipal (PEMU).
No BNG lembran que desde o inicio do actual mandato veñen reclamando a elaboración do Plan de Emerxencias Municipal, documento que aglutina as normas, procedementos e os medios para actuar ante calquera situación de emerxencia que se produza dentro do termo municipal.
Mais o PEMU serve tamén para a organización de macroeventos ou nos que se agarda unha importante congregación de persoas, establecendo os servizos de emerxencia a intervir e as funcións de cada un deles baixo unha dirección única.