O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense, denunciou o pasado 1 de decembro que varias asociacións e entidades sen ánimo de lucro en materia de servizos sociais e que desenvolven o seu traballo con persoas en situación de vulnerabilidade, quedaron sen as subvencións ás que optaban por parte do Concello de Ourense. Foron ao redor de 11 as entidades e asociacións que quedaron sen as axudas por “falta de crédito suficiente” nunha partida que ascendía até os 323.262,53 euros.
Xa naquel momento, os nacionalistas denunciaron que este feito “revela as prioridades do actual Goberno Local, empeñado en dilapidar cartos públicos en luces e festas e non en atender as necesidades de tantas veciñas e veciños de Ourense que precisan destas asociacións e dos programas que desenvolven para poder ter unha vida digna”.
Desde o BNG apremian ao Goberno Local a que actúe e dea unha rápida resposta a todas estas entidades, que non poden agardar máis tempo, a través do mesmo mecanismo que xa ten empregado noutras ocasións nas que queda sen crédito suficiente para o desenvolvemento de programas ou da execución de obras previstas.
Por este motivo, a concelleira Rhut Reza, pídelle ao alcalde que “vía Decreto, ao noso entender o procedemento máis áxil e axeitado neste caso, efectúe a transferencia de crédito correspondente, ao redor de 90.000 euros, para que antes de final de ano, as entidades que quedaron fóra por falta de crédito conten cos cartos necesarios para poder continuar con todos os seus programas e actividades”.
Segundo a información que posúe o BNG, “existen partidas na Área de Servizos Sociais que de non gastarse a 31 de decembro, voltarán á bolsa común, polo que se o alcalde quere, mañá mesmo pode, vía Decreto, transferir os fondos precisos para que estas entidades, que trasladaron en tempo e forma as súas propostas, e que fan un importantísimo labor con persoas vulnerables, poidan seguir traballando con normalidade”.
Ao tempo, desde a formación nacionalista entenden que esta é unha solución puntual e que polo tanto cómpre, de cara a vindeiras convocatorias, “revisar as Bases para adecualas ás necesidades e realidades actuais, e mesmo incrementar de inicio a contía da partida para evitar que ano tras ano nos vexamos abocadas a esta situación na que as propias entidades, as que menos culpa teñen, son sempre as principais prexudicadas”.
O BNG lembra tamén que, xa a través dunha moción presentada hai meses no Pleno do concello, instábase ao Goberno Local a ampliar a suscripción de convenios coas entidades do terceiro sector para evitar situacións como as que estamos a vivir na actualidade. De ter implementado ese acordo o Goberno municipal, hoxe as entidades non estarían nesta situación de incerteza e inestabilidade.