Para deputada Noa Presas, 'estamos diante dunha situación preocupante e de urxencia por dúas razóns. A primeira, que estamos vendo como empeoran os tempos de asistencia e a falta de persoal, tanto na atención primaria como na hospitalaria e a segunda, que despois do demoledor informe do Consello de Contas que nos demostrou como aumentou a privatización da Área e no que xa se advertía dos riscos que supón a concentración da atención privada en cada vez empresas máis grandes, vemos que ese proceso xa avanzou en Ourense coa compra de Cosaga e o Carmen polo Grupo Recoletas e co anuncio dun novo hospital'.
E é que a situación, lonxe de mellorar ou tan sequera estancarse, 'empeora sen que a Xunta tome medidas. Vivimos unha situación preocupante na Atención Primaria, empeora a situación e temos Centros de Saúde tan importantes como o da Ponte ou o de Valle Inclán, que atenden o groso da cidade e concellos de arredor, con falta de cobertura de pediatría'.
Ourense volve ter as peores listas de espera de Galiza
Presas deu conta tamén dos datos coñecidos referidos á lista de agarda facilitados polo propio SERGAS e os cales son “demoledores”. “Ourense volve ter as peores listas de espera de Galiza. As listas de agarda de consulta hospitalaria empeoraron, de 117,8 días a 130,1, case o dobre da media de Galiza que está nun 73,4, unha situación de colapso en oftalmoloxía con máis de 10.000 persoas agardando unha cita, rehabilitación con máis de 7.000, traumatoloxía con case 7.000, ou dermatoloxía con máis de 2.000”.
No relativo aos datos de derivación á sanidade privada, Noa Presas puxo especial énfase no feito de que “o 20% da atención sanitaria é derivada e iso é especialmente intenso nas ciruxías menores, diálese ou e en probas radiodiagnósticas. Coñecemos tamén que isto se facía sen o debido soporte contractual, nalgún caso desde hai máis de 20 anos, e sen unha adecuada información dos prezos o que provoca que o sistema público estea nunha situación de absoluta dependencia e indefensión ante prácticas como a suba de prezos”.