Nos últimos días, ante a perplexidade de propios e estranos, o Alcalde do Concello de Ourense, está visitando distintas dependencias municipais cunha actitude, segundo o BNG, “impropia de alguén que busca a mellora dos servizos públicos”. Nas últimas visitas realizadas ás dependencias dos Serviso Sociais, sen ir acompañado da Concelleira delegada desta Área, “o Alcalde adícase a intimidar e ameazar ás traballadoras ante o silencio cómplice da propia Concelleira delegada de Servizos Sociais”.
Desde o BNG amosan todo o seu apoio e solidariedade coas traballadoras e traballadores que no mandato pasado e nestes días “estanse vendo violentadas e violentados nos seus postos de traballo. Empregadas e empregados que realizan un enorme traballo en condicións moitas veces precarias”.
Segundo o BNG, toda esta escenificación ten un claro obxectivo, “evadir responsabilidades, non asumir a propia incompetencia e responsabilizar ás e os traballadores do Concello da deriva e da parálise da institución”. O Portavoz do BNG Luís Seara alude directamente ao PP para que “dunha vez por todas abandone a súa posición de mirar cara outro lado, que non se poña de perfil e poña fin a este esperpento que eles mesmos xeraron”.
Seara afirma que “cómpre abordar esta situación, non podemos mirar cara outro lado diante da gravidade destes feitos. Cómpre ser contundentes, non se lle pode consentir este tipo de actitudes a ningúen por moi Alcalde que sexa”.