Ante o avance informativo do Diario do Támega, que recolle que a instrutora do expediente aberto a xefe do Servizo de Xinecoloxía tería elevado á Secretaría Xeral Técnica da Consellaría de Sanidade a súa proposta de resolución, na que consideraría que o médico incorrera en falta grave e solicita que se impoña unha sanción de dous días de suspensión de funcións, o BNG volveu rexistrar iniciativas no Parlamento Galego demandando explicacións á Xunta.
Para a deputada nacionalista Noa Presas “esta situación é escandalosa, o feito de que a proposta de sanción sexan dous días de suspensión evidencia que estamos diante dunha manobra de persecución que non se sostén, pero que a única saída admisible é que se retire o expediente, que a sanción non sexa nin dun minuto nin un só euro e que o PP pida desculpas por ser a man escura desta persecución pois claramente o que se procura é enviar unha mensaxe de ameaza aos profesionais sanitarios que responden as medidas da Xunta, hoxe é Castrillo e é Verín e maña podería ser calquera outro profesional en calquera outro lugar do noso país”.
A formación insiste en que as mulleres deste país “aínda está agardando a que a Xunta reaccione ante as denuncias de violencia obstétrica e desprazamento forzoso que se fixeron durante os días de loita polo mantemento da sala de partos, ou ante as carencias de matronas que hai ao longo de todo Ourense, por poñer un exemplo, mais vese que o único que lle preocupa ao PP é silenciar as voces das e dos profesionais pola transcendencia social e mediática que teñen”.