O BNG critica as novas obras da Xunta no edificio xudicial de Ourense
Iago Tabarés reclama que na nova intervención se reorganice o inmoble para facilitar o acceso da cidadanía e a mellorar as condicións de traballo
O BNG recriminou á Xunta no Parlamento galego as novas obras no edificio xudicial de Ourense para dar solución a eivas que xa se podían solucionar nun primeiro momento nun inmoble de hai tan só cinco anos e que supuxo un custe de 17 millóns de euros.
A formación nacionalista reclamou que a intervención serva para corrixir as deficiencias estruturais do edificio e para reorganizar as súas dependencias, co obxectivo de, por unha banda, facilitar o acceso da cidadanía aos distintos servizos públicos que alberga e, por outra, mellorar as condicións de traballo das persoas que desenvolven o seu labor profesional no inmoble.
Así o solicitou o deputado nacionalista por Ourense, Iago Tabarés, quen afeou ao Goberno galego a anunciada intervención por melloras de eficiencia enerxética no edificio. “Cando se decataron de que carecía de fiestras?”, cuestionou, para a continuación lembrar que, pese a un custe de 17 millóns de euros, o inmoble presentaba deficiencias dende a súa inauguración en 2015.
“En 2015 a xunta de persoal xa advertiu que o edificio non tiña ventás e, polo tanto, carecía de ventilación e de luz natural”, recalcou, logo de subliñar que practicamente todas as Salas de Vista son “búnkeres” e que as dependencias máis visitadas pola cidadanía -entre as que citou o rexistro civil, o servizo común de notificacións ou a propia oficina de atención ao público e á vítima- se atopan “onde senón, na planta soto”, coas conseguintes dificultades de acceso.
O deputado nacionalista recordou que a xunta de persoal leva advertindo xa dende ese ano das deficiencias da nova sede xudicial, que foi obxecto dunha primeira reforma coa instalación de portas xiratorias, “das que vostedes son tan afeccionados”, ironizou. Segundo subliñou, estas portas xeraban dificultades de acceso para as persoas con mobilidade reducida e mesmo para aquelas que tentaban entrar ao inmoble con carriños infantís, polo que se tivo que habilitar unha nova porta de acceso.
Tabarés exemplificou así a mala xestión do Executivo do PP no inmoble para o que agora se anuncia unhas obras de máis de 350.000 euros co obxectivo de mellorar a súa eficiencia enerxética cando, segundo salientou, “se imos aos orzamentos os subministros eléctricos non varían nin un euro”, polo que dixo non entender “onde está o aforro”.
“É intolerable que un edificio novo no que se investiron máis de 17 millóns de euros, apenas catro anos despois, requira obras de máis de 350.000 euros por necesidades que xa se podían advertir no primeiro momento”, concluíu.