A deputada nacionalista por Ourense e responsábel da área de Facenda e Orzamentos valorou o proxecto presentado pola Xunta no Parlamento Galego como “decepcionante e cheo de promesas repetidas”.
Neste sentido, sinalou que “non son os Orzamentos que precisa Galiza para enfrontar unha crise social e económica sen precedentes. As grandes cantidades están conxeladas, pois incrementa no total menos do 1% respecto do exercicio vixente e non achega proxectos diferentes cos que enfrontar retos estruturais como a crise demográfica, porque nin hai medidas de calado para desenvolver o medio rural, nin frear a emigración de poboación en idade laboral.”
En chave ourensá a nacionalista afirma que “este proxecto é repetitivo, podemos comparar os orzamentos cos de antes da pandemia e outras lexislaturas e vemos as mesmas promesas: millóns para un hospital de Ourense para obras que chegan tarde e que non se completan con persoal e novos especialidades, outra vez a promesa do edificio administrativo e recortándolle orzamento, do ecobarrio da Ponte e outra vez a promesa dun parque acuático ao lado dun polígono industrial no que non se aposta por crear industria e innovación.”
Para o BNG “volve ser o orzamento das ausencias, nin un só euro para construír un centro de saúde no Vinteún, por exemplo, nin para cubrir as necesidades sanitarias da zona vella. Pola contra vemos outra vez a promesa da reforma de Nóvoa Santos, que xa viña no orzamento anterior e na que non se avanzou mentres que si se fixeron en Lugo e Lalín. Ao mesmo tempo, non se garanten novas apostas para o Hospital como podería ser unha unidade de ictus ou de xeriatría e recoñécese na memoria dos Orzamentos que a única razón de que se vaian incorporar as probas PET para a atención oncolóxica é a saturación de Vigo e non o dereito a unha atención sanitaria próxima para as e os ourensáns”.
Finalmente para Presas este proxecto demostra que “o PP ten a Ourense atrapada no tempo, seis anos despois de que todas as forzas políticas asinaran o compromiso dun CAPD para Ourense seguimos sen avances significativos, por fin ten unha contía digna no papel pero é só porque se acumulan os anos de atraso e segue sen comprometerse a xestión pública”