Municipal

O BNG cuestiona a viabilidade da suspensión do Servizo da ORA

O Grupo municipal nacionalista amosa as súas dúbidas a respecto da legalidade da suspensión e alerta das consecuencias que vai ter sobre a mobilidade da cidade.

Óscar Gómez

Ourense |

O BNG cuestiona a viabilidade da suspensión do Servizo da ORA
O BNG cuestiona a viabilidade da suspensión do Servizo da ORA | onda cero ourense

O Grupo municipal do BNG avaliou a proposta do Goberno Local de suspender o Servizo da ORA no conxunto da cidade. O Portavoz nacionalista Luís Seara comezou sinalando que o Servizo da ORA, “figura no contrato e non se pode disociar do do guindastre, ao ser unha única concesión”.

Seara afirmou que, “a posición do BNG foi clara e nidia desde o primeiro momento en que se puxo enriba da mesa esta proposta alá polo mes de maio, estabamos dispostos a falar de todo, incluído da gratuidade do Servizo, máis non podiamos tomar unha decisión deste calado á lixeira xa que hai unha concesión, aínda que en precario, un persoal subrrogado no seu día e que fai parte da mesma así como efectos económicos e para o conxunto da mobilidade na cidade”.

Desde o BNG sinalan que, “desde o noso punto de vista a decisión non se axusta a dereito, toda vez que debería ser o Pleno o competente para a toma desta decisión, motivo polo cal, conxuntamente co PSdeG-PSOE, pedimos un informe á Secretaría Xeral do Pleno a este respecto, un informe que avale a decisión tomada, informe que aínda non nos foi trasladado”.

Desde a formación nacionalista tamén inciden en que a decisión “susténtase nun expediente no que soamente hai dous informes do mesmo órgano, a Asesoría Xurídica. Realmente é un único informe pero como no primeiro non dí o que o Alcalde agardaba que dixera, encargou un segundo para que fora da súa enteira satisfacción”, Seara engade, “e que dí o primeiro dos informes? Pois que o Servizo unha vez suspendido temporalmente debe ser prestado directamente polo Concello. Por iso, e a través dunha provindencia da Alcaldía, Jácome pídelle ao Asesor xurídico, que lle diga que pode suspender temporalmente o servizo sen ter que asumilo o Concello. E así foi”.

O Alcalde insiste coa oposición en suprimir a ORA
O Alcalde insiste coa oposición en suprimir a ORA | Paco Sarria

Na formación nacionalista teñen claro que, “cando se di que coa supresión da ORA vaise poder aparcar en zona de carga e descarga, fóra das horas establecidas para esta finalidade. Non é certo. Isto xa se pode facer desde hai anos, cando o BNG tivo a responsabilidade de tráfico, na que se modificou a Ordenanza para permitir que se puidera aparcar en zonas de carga e descarga en horario non habilitado a tal fin”.

“Tampouco mellora a mobilidade na cidade, nada máis lonxe da realidade, ao non haber prazas de aparcamento en superficie, iso provoca un tráfico de axitación que ten efectos medioambientais alén de máis coches circulando polas rúas”.

Luís Seara tamén desmontou o argumento de que vai supór un aforro para as veciñas e veciños. “O feito de non poder aparcar en superficie vai obrigar ás condutoras e condutores a deixar o coche nos aparcadoiros privados, o que resulta moito máis costoso. So hai que ver cal é a tarifa media por hora ou fracción neses lugares”.

Sobre o déficit da concesión, Seara esgrimiu unha serie de datos que contradín tal afirmación xa que, segundo sinala, “En todo caso esta é unha verdade a medias como demostraremos con datos. Se ímos á liquidación do 2024, concretamente até outubro que é o últimos dato que temos, atopamos o seguinte. Por recadación da ORA, parquímetros e pago telefónico a través da APP, recadáronse 621 mil euros. Polo guindastre, cobros en efectivo ou con tarxeta dos vehículos que se desenganchan ou van ao depósito, nos mesmos meses, 124.000 euros, o que fai uns ingresos de 745.000 euros. Nese mesmo período, os gastos de persoal ascenderon a 743.000”.

Diante desta realidade, o Portavoz municipal do BNG pregúntase sobre “cal pode ser a razón para suspender temporalmente este Servizo?” e respóstase, “a nós soamente se nos ocorre unha, porque Jácome non da puntada sen fío, e é que quere beneficiar aos empresarios que teñen aparcadoiros privados ou xustificar así a privatización de solo público para construir máis”.

Finalmente, desde o Grupo municipal do BNG emprazan ao Goberno Local a respostar unha serie de cuestións. “Avaliou as consecuencias de suspender unha parte dunha concesión, en precario, cando a ORA e o guindastre forman parte dun todo?. Son conscientes de conflito xurídico que iso pode implicar tendo en conta que hai traballadores e traballadoras que se poden quedar na rúa a partires do 1 de xaneiro?”.