Mitin BNG en Ourense

O BNG defenderá en Bruxelas unha PAC adaptada á realidade do sector agrogandeiro

Pontón e Miranda piden encher as urnas de papeletas BNG porque Galiza xógase moito este 9 de Xuño.

Paco Sarria

Ourense | 04.06.2024 10:34

O BNG defenderá en Bruxelas unha PAC adaptada á realidade do sector agrogandeiro
O BNG defenderá en Bruxelas unha PAC adaptada á realidade do sector agrogandeiro | onda cero

A portavoz nacional, Ana Pontón, e a candidata cabeza de lista ás europeas, Ana Miranda, fixeron en Ourense un chamamento á mobilización masiva o vindeiro domingo enchendo as urnas con papeletas do BNG para ter unha voz forte que defenda os intereses dos galegos e as galegas na UE e parar, tamén en Bruxelas, a discriminación de Galiza.

A candidatura do Bloque, agregou, é a “candidatura do País”, a do “equipo da casa” fronte ás forzas estatais que non queren que nesta campaña se fale do que se xoga Galiza este domingo. “Vemos ao bipartidismo moi empeñado en falar de todo menos do que fixeron en Europa; que se Sánchez, que se Feijóo, que se insulto para arriba e insulto para baixo”, censurou.

A portavoz nacional garantiu, neste sentido, que o escano do BNG servirá para loitar en Bruxelas por “unha reforma da PAC que teña en conta a realidade e as necesidades do noso sector agrogandeiro, incluíndo o sector vinícola tan importante en Ourense, onde están catro das cinco denominacións de orixe do País.

Mitin de Ana Pontón e Ana Miranda en Ourense
Mitin de Ana Pontón e Ana Miranda en Ourense | onda cero

Unha PAC que garanta un trato xusto no reparto de axudas, para que non suceda o de agora, afondou, argumentando que Galiza só recibiu en 2022 uns 106 millóns de euros dos 4.177 que sumou o conxunto do Estado das axudas de pago básico, as máis importantes da Política Agraria Común. Pontón denunciou así as “migallas” que veñen ao sector agrogandeiro galego, clave para manter o rural vivo, porque en Europa se apostou por unha PAC que distribúe as axudas en función da superficie, e ese é un criterio que prexudica ás nosas explotacións.

“Defendemos unha PAC que en lugar de recortar e limitar permita desenvolver todo o noso potencial produtivo, porque o sector agrogandeiro é clave para Ourense e para todo o País”, manifestou Pontón, que criticou tamén o papel das forzas estatais “que queren poñer por diante do noso rural os intereses das multinacionais”, como está a suceder con Altri.

defender os nosos intereses

A portavoz nacional destacou que as eleccións do 9-X “van tamén da dignidade dun País” e de aí a súa chamada a coller “con orgullo e ilusión” a papeleta do BNG “para defender os nosos intereses, porque non queremos ser máis pero tampouco menos que ninguén e, ao mesmo tempo, defender a construción doutra Europa, social, xusta, da paz, a Europa dos pobos”, concluíu.

Ana Miranda, pola súa banda, comprometeuse a seguir defendendo en Europa os temas importantes de Ourense, tal e como fixo até o de agora levando a Bruxelas a voz dos produtores ecolóxicos, a defensa dun modelo forestal que non estea baseado no eucalipto, a loita contra os incendios, a necesidade de protexer o sector do viño ou a reclamación de que se establezan prezos xustos para os produtores e as produtoras.

Do mesmo xeito que o BNG loitou pola rexeneración da ría do Burgo, nesta nova etapa traballará por acadar por fin o saneamento dos ríos ourensáns, “do Barbaña o Limia, e do encoro das Cunchas”, agregou Miranda, quen avogou ademais por seguir denunciando ante as institucións comunitarias as “demencias dos parques eólicos”.