Segundo Seara, “a desidia da Xunta de Galiza e o feito de ter un Goberno Local paralizado, ten impedido que o transporte comarcal sexa unha realidade a día de hoxe”, e engadiu, “en Ourense temos un transporte municipal que leva anos en precario e cun Goberno que merca autobuses pero que non ten resolto de que xeito xestionar o servizo”.
Luís Seara incidiu neste punto para lembrar que no actual mandato, o Goberno liderado por Jácome aprobou un Regulamento de transporte que apostaba pola extensión de liñas máis alá do termo municipal do Concello de Ourense “pero que logo de case catro anos foi incapaz de implementar nin tan sequera unha liña”.
Seara destacou que “un dos piares do noso proxecto é o que definimos como Ourense, Concello en movemento. O BNG quere facer de Ourense unha referencia en materia de mobilidade, un Concello que aposte pola humanización dos espazos e para iso é preciso reducir drásticamente o número de vehículos que entran cada día nas nosas rúas”.
O candidato nacionalista incidiu en que “este obxectivo soamente é posíbel cun transporte comarcal eficaz, eficiente e sustentábel e por iso lle pedimos á Xunta que retome a proposta do Plan comarcal pero ampliada a trece Concellos como unha aposta pola loita contra o cambio climático e a descarbonización máis tamén como unha aposta pola vertebración do noso territorio”.