O voceiro do grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense, Bernardo Varela, considera que non se pode deixar pasar sen pena nin gloria o debate máis importante na Deputación de Ourense, o debate dos Orzamentos provinciais para o ano 2022. Sobre todo nunha provincia que segue a caer en picado en número de habitantes e no que aumenta a media de idade da súa poboación.
Estes orzamentos que presenta o partido popular volven ser máis do mesmo, valora o voceiro nacionalista, que non presentan ningún tipo de revulsivo á realidade que padece a provincia e que perpetúan un modelo de reparto de fondos discriminatorio entre os diferentes concellos da provincia. E a pesar disto, vai contar co voto favorábel de Democracia Ourensana, un voto que o ano pasado foi negativo. Isto mostra ben ás claras o que lle importa a provincia a algúns grupos políticos.
Ante esta situación o BNG fai unha proposta da que detrae fondos dunha partidas que consideramos perfectamente prescindibles ou cando menos reducibles, indica Varela, até acadar un fondo de algo máis de 18 millóns euros para que sexan repartidos entre os concellos a través dun Plan Único de forma equitativa.
Deste fondo de 18 millóns repartiríase o 40% de forma lineal entre todos os concellos menores de 20.000 habitantes e un 60% repartiríanse de forma complementaria en base a criterios obxectivos, estes criterios para o cálculo de coeficientes de reparto serían os establecidos pola propia FEGAM: 20% Superficie; 25% Entidades poboación; 40% Poboación; 15% Índice de envellecemento.
Para o voceiro do BNG non é críbel que desde a Deputación se manifeste que “ante a complexidade das distintas temáticas presentadas, resultaría inviable realizar unha única convocatoria en un único prazo e en forma de concorrencia competitiva.” Este modelo de Plan Único estase aplicando na práctica totalidade das Deputacións do Estado e sobre todo estase levando a cabo nas outras tres de provincias de Galiza. “por tanto, se o goberno provincial do PP non ten capacidade sería mellor que o deixe”.
Este modelo suporía, ademais de dotar aos concellos de fondos para facer fronte ás súas necesidades, un engadido positivo ao permitir aos concellos ter con antelación unha previsión dos fondos cos que van contar cada ano, e poder establecer as súas prioridades en función das necesidades que teña a súa veciñanza.