Infraestructuras

O BNG demanda unha verdadeira conexión de autovía entre Celanova e a fronteira portuguesa

Iago Tabarés considera as obras da xunta “Low Cost” que non atenden as necesidades da veciñanza e trasladará ao Parlamento as necesidades veciñais. Antonio Valado non da por bo ese simple bacheado, e afirma que fai falla unha vía de alta capacidade que non atravese Bande e Verea.

Óscar Gómez

Ourense | 16.03.2022 08:07

O Psoe insta a finalización da AG-31 entre Celanova e Portugal
O Psoe insta a finalización da AG-31 entre Celanova e Portugal | La Región

O alcalde de Verea, Antonio Valado, afirmou que tras a reunión mantida coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vazquez, en Lobios onde a conselleira presentou o proxecto de conexión entre Celanova e a fronteira portuguesa, non se pode considerar que ninguén quedase satisfeito co proxecto.

“Ao final isto é un parche e non é o que realmente se precisa, pois se fan carrís de adiantamento e despois a estrada cruza polo medio de Bande e de catro núcleos de Verea onde hai que ir a 50 km/h, eso nin é bo para os usuarios nin para a veciñanza que padecemos os perigos do tráfico viario” declaraba o alcalde nacionalista, que continuou afirmando que “até que haxa unha vía de comunicación directa entre a cidade de Ourense e o norte de Portugal non teremos solución ao que precisamos”. Nestes intres a conexión entre os concellos da Lobios e a cidade de Ourense pode levar ate unha hora e media.

O deputado do BNG, Iago Tabarés, que ven de rexistrar iniciativas no Parlamento galego a este respecto, indicaba que que novamente en Ourense, pola vía dos feitos, “vemos que non se están cumprindo os proxectos estratéxicos; se falamos dunha conexión da A-52 co polígono, resulta que remata a dous quilómetros do polígono e na N-525; falamos de proxectos que non son o que Ourense precisa; se falamos do edificio administrativo da Xunta, levamos décadas agardando; se falamos da cidade de Ourense vemos a rúa Otero Pedraio, Marcelo Macías, todo obras “Low Cost” que desde logo non están para atender á necesidades da veciñanza.”

Pola súa banda, Bernardo Varela, voceiro do grupo provincial do BNG na Deputación de Ourense, anunciaba que procuraría o consenso de todos os partidos con representación no pleno provincial para demandar unha conexión entre Celanova e a Madalena que permita unha verdadeira vertebración da do suroeste da provincia e a articulación entre a Ourense e o norte de Portugal.

“ Estamos ante unha gran oportunidade porque Portugal vai ampliar a vía rápida IC-28 até o Alto da Madalena o que vai permitir que a terceira e segunda cidade do país veciño estén conectadas co sur da provincia e coa capitalidade”. Porén, sinala o voceiro nacionalista, a Xunta xa comezou coas rebaixas nas obras e mesmo non aspira a loitar pola consecución de fondos Next Generation para esta infraestrutura, como deixaba entrever a conselleira en Lobios. “Precisamos unha aposta de País para ampliar a AG-31, algo que xa estaba previsto en 2009” declarou Varela.

Para o BNG esta infraestrutura debera servir para conectar e comunicar a poboación da Baixa Limia con Ourense, con Galiza, e establecer unha relación social, económica na eurorexión, que permita a conexión de Ourense co Norte de Portugal, favorecendo os fluxos de poboación de relación comercial coas cidade de Porto e Braga a través da Baixa Limia e tamén con Ourense, Galiza, o Estado e o resto de Europa.

Iago Tabarés declaraba que era preciso un criterio de eficacia e eficiencia na xestión dos recursos públicos, “porque entendemos que rematar a autoestrada AG-31 en Celanova, tras investir 121 millóns de Euros e non acadar o obxectivo do proxecto inicial, é dicir, a súa continuidade até a fronteira con Portugal, non permite cumprir os obxectivos para os que se investiron ese recursos públicos.”