O voceiro do Grupo Provincial do BNG de Ourense, Bernardo Varela, ven de rexistrar na Deputación de Ourense unha solicitude para que o presidente do ente provincial convoque a todos os grupos con representación provincial con carácter previo elaboración dos orzamentos da institución. “Entendemos que todos os grupos, como representantes da veciñanza, podemos e debemos aportar ideas e esforzos que melloren a calidade de vida e as expectativas de futuro na provincia de Ourense” declara Varela.
O voceiro do BNG considera que deben ser tidas en conta todas as organización políticas con representación provincial, antes mesmo de iniciar a elaboración dos orzamentos, para que estes sexan acordes ás necesidades da veciñanza da provincia.
Para o BNG é prioritario que a provincia se dote dun Plan Único á hora de elaborar os orzamentos da provincia, e que trate aos concellos como maiores de idade, sen tutelas innecesarias, nin arbitrariedades de carácter político que só contribúen a empeorar a situación das institucións máis próximas á veciñanza.
A necesidade duns orzamentos equitativos e xustos pasa por financiar aos concellos de forma suficiente e xusta en base a criterios obxectivos, como a fronte nacionalista ven defendendo de sempre na provincia de Ourense.
O Plan Único que o BNG propón, a semellanza do que se aplica nas outras tres provincias galegas, pasa por dotar unha “financiación base” para todos os concellos igual e unha partida complementaria variable en función de criterios obxectivos, como número de habitantes, dispersión poboacional, avellentamento, a superficie territorial e o número de entidades.