As hedras entraron nos corredores e nas habitacións da residencia de maiores da Bola. A vexetación invadiu os accesos e ameaza con estragar tamén o interior e o mobiliario e material como as cadeiras de rodas. O goberno municipal máis desleixado da historia do concello, cunha alcaldesa esgotada, sen forzas nin ideas, ten nese edificio o seu espello.
A residencia da Bola é unha historia de abandono, cartos que se perden e unha concesión feita as presas e chea de promesas aínda sen concretar. A residencia que inaugurou o Goberno de coalición entre o BNG e o PSOE e que estivo en funcionamento durante tres lustros, clausurouse de mala maneira baixo o goberno do PP a finais do 2018, coa alcaldesa acompañada da Garda Civil para desaloxar á concesionaria anterior. Desde aquela pasaron 4 anos e 4 meses e das instalacións non botou man ninguén.
En marzo de 2021, a alcaldesa levou a pleno un investimento de 64.000 euros destinados en principio a facer obras na residencia baixo o epígrafe “proxecto de legalización e remate de obras na residencia”. Nada se sabe desas obras e dos 64.000 euros. O estado é o que é, e a día de hoxe o BNG non ten constancia de que nestes dous últimos anos se teña feito nada alí.
A finais de 2022, a alcaldesa anunciou a concesión da residencia a unha empresa privada, Consultorio Médico San Rosendo S.L., para a rehabilitación e futura xestión do centro. O compromiso era ampliar o número de prazas do centro até as 48 e poñelo en funcionamento antes de seis meses.
Mais en xaneiro de 202 a residencia segue como se ve nas imaxes que acompañan a este comunicado de prensa. O edificio deteriorándose, aqueles 64.000 euros sen destino coñecido publicamente e a alcaldesa esperando ás eleccións para mover un dedo.