O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense denuncia o lamentable estado no que se atopa a zona verde situada na rúa Ribeiriño, no barrio da Ponte de Ourense. Segundo denuncia o Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara, “a falla de mantemento e de atención por parte do actual Goberno Local polo estado das zonas verdes e dos parques do concello ubicados nos barrios e no perímetro rural provoca que a día de hoxe nos atopemos con espazos altamente degradados e que lonxe de contribuir a facer comunidade e ser espazo de lecer e convivio, estanse a converter nalgúns casos en auténticos vertedoiros”.
Para Luís Seara que o estado de abandono e degradación xeral do concello, ten que ver con feito de que “temos un alcalde centrado exclusivamente en organizar festas e en poñer luces para competir non se sabe moi ben con quen, namentres a cidade cáese a pedazos”.
Seara engade, “a táctica Jácome consiste en encher todas as rúas con valados de obra, iniciar pequenas actuacións e logo botar meses coa obra parada, creando en moitos casos problemas de mobilidade e accesibilidade, para dar a sensación de que se fan cousas pero o certo é que nada máis lonxe da realidade”.
Desde o Grupo municipal do BNG urxen ao Goberno Local a actuar e a pór en valor tanto a zona verde sita na rúa Ribeiriño como as do resto de barrios e zonas do perímetro rural ao tempo que lembran que, “hai meses que se anunciou unha actuación integral nas zonas verdes do concello e a día de hoxe seguimos agardando por ela”.