Presas salientou moi negativamente “que para unha cidade castigada xa por Jácome e o PP como Ourense non hai proxectos de impulso económico, tampouco para as demais comarcas desta parte do territorio pese a termos a inflación máis alta do país, nun 9,7% por riba do 9,2% galego e por riba do 8,9% estatal”.
Nese sentido, avanzou que “o chamado Polo Ourense Centro e Sur é unha pantomima, un titular para tapar a falta de iniciativa política, pois só consigna 120.000 euros e é un fracaso anunciado como o foi o Impulsa Ourense no seu día, non vai servir para reindustrializar e seguiremos perdendo oportunidades fronte ao norte de Portugal e o resto de Galiza”.
No ámbito económico, Presas sinalou que “é unha tomadura de pelo a promesa, con orzamento cero, dunha área e unha sede termal para Ourense cando é o PP, no concello e na Xunta, o responsable de que Ourense estivese co termalismo paralizado dous anos e aínda sen recuperar plenamente”.
En canto aos servizos públicos, o BNG critica que “volven recortar o Plan Director do Hospital, rebaixando a partida en 3 millóns e centrándoa por quinto ano consecutivo na urbanización, cando o hospital precisa moito máis, como unha verdadeira unidade de ictus ou de xeriatría e acabar dunha vez por todas por renovar unhas instalacións obsoletas”.
Asemade, Presas sinalou que “volve ser o orzamento das ausencias. Nin un só euro para construír un centro de saúde no Vinteún, por exemplo, nin para cubrir as necesidades sanitarias da zona vella ou de Mariñamansa, ademais de seguir a ter o CIS Ourense como gran promesa cando leva dous anos no papel dos Orzamentos e en Lugo ou Lalín xa é unha realidade”. O mesmo canto ao CAPD, que debera levar un ano aberto e segue en fase de construción pola falta de dilixencia do goberno popular, que segue sen comprometer a xestión pública”.
Mención aparte merece a situación do futuro edificio administrativo “para o que a Xunta tanta présa se deu en adquirir terreos e agora só consigna dous millóns, seguimos a dicir que algo cheira mal nesta operación e que é preciso, como demandou o nacionalista Tabarés, realizar unha auditoría sobre a compra das parcelas ante o escurantismo do PP”.
Finalmente, Presas recordou que “estes orzamentos son unha fraude e son, ademais, insolidarios porque inclúen un pelotazo fiscal polo que lle regalan 34 millóns de euros aos máis ricos en plena crise de prezos cando podería destinar eses recursos ao saneamento dos ríos, a mellorar o abastecemento da auga, a preparar Ourense para o cambio climático ou a aumentar as prazas en residencias públicas de maiores.”