Sanidade

O BNG denuncia recorte de camas na UCI do CHUO

Noa Presas, deputada nacionalista por Ourense, denuncia “a manipulación do Presidente da Xunta” respecto do número real de camas UCI do CHUO logo das obras de renovación do Servizo.

Onda Cero Ourense

Ourense |

O BNG denuncia recorte de camas na UCI do CHUO
O BNG denuncia recorte de camas na UCI do CHUO | Onda Cero

O BNG acusa á Xunta do PP de “mentir e manipular a realidade, pois aínda que o propio Presidente da Xunta veu inaugurar a nova UCI e afirmar que había un aumento do 30% de camas con tres módulos con dez boxes cada un, isto non é certo e iso mesmo están a denunciar as e os traballadores do Servizo, que seguen arrastrando problemas de falta de persoal e de falta de previsión nos novos espazos porque hai unha Xerencia e unha Consellaría de Sanidade que non escoitan”.

Presas denuncia que “a Xunta manipula porque sabe que só hai vinte camas operativas como UCI e con persoal propio de UCI. A Xunta sabe perfectamente que a unidade 4ª dereita creada para as obras da fase dúas está desmantelada sen equipación e sen preparación para abrir en caso de sobreaforo e que o espazo URPA que se abre cando hai sobreaforo non pode considerarse tampouco como UCI e tal e como denuncian as e os traballadores non se abre co material axeitado para críticos, é só un parche”.

O BNG considera “inaceptable que despois de dez millóns de euros o resultado sexa ter menos camas para unha poboación de máis de 300.000 persoas, sendo ademais a máis avellentada do país”.

A formación nacionalista adianta que trasladará ao Parlamento Galego “iniciativas pedindo realizar as actuacións necesarias para facer real o número de ampliación de camas comprometidas, a ampliación do persoal necesario do Servizo de UCI e os recursos materiais necesarios, así como planificar adecuadamente as medidas de ampliación e reforzo en situacións de sobreaforo e saturación e que sexan acordadas cos traballadores e traballadoras dos servizos implicados”.