O Portavoz municipal Luís Seara comezou dicindo que “tal e como xa advertimos ao longo de toda a campaña, todo e canto se fai a día de hoxe no Concello esta baixo sospeita logo de todas as informacións coñecidas nas últimas semanas polo que desde o BNG proporemos unha serie de medidas encamiñadas a que desde a oposición, poidamos exercer un maior control e ter un maior coñecemento”.
Seara avanzou que promoverán unha revisión de todos os procedementos de licitación vixentes así como que de cara ao futuro, nas mesas de contratación que se constitúan, “poidan estar presentes membros da oposición e mesmo persoas alleas de recoñecido prestixio ou representantes de Colexios profesionais que contribúan á limpeza e transparencia nos procedementos”.
Outra das prioridades dos nacionalistas vai ser impulsar a renovación das concesións administrativas actualmente caducadas. “Nós entendemos necesario revisar pormenorizadamente a situación de cada unha delas, avaliar a posibilidade ou non da remunicipalización cando sexa viable e impulsar en todo caso a súa renovación pois a situación na que se atopan a meirande parte delas é insostible e están a causar graves prexuízos económicos ás arcas municipais e á veciñanza no seu conxunto”.
A aprobación do PXOM, a entrada do AVE e a nova estación intermodal ou o desenvolvemento do bulevar termal son outras das prioridades para o BNG, “nas que é necesario definir unha posición de Concello que permita exercer forza e presión diante do resto de administracións implicadas, nomeadamente Xunta e Estado”. Luís Seara ten claro que no referido ao PXOM, “a nova exposición pública do documento xa non é un impedimento para avanzar na súa tramitación pois o propio PP por boca do seu candidato, o señor Cabezas, manifestouse partidario da mesma”.
Para o BNG tamén é prioritario mudar o funcionamento dos Plenos, convertidos, segundo os nacionalistas, “nun absoluto esperpento e onde o alcalde incorre a miúdo, en abuso de poder e nunha falta total de respecto ao resto de membros da Corporación polo que impulsaremos unha reforma do Regulamento Orgánico de Goberno e Organización do Pleno e a Comisión Especial de Suxestións e Reclamacións co obxectivo de facilitar a participación veciñal nas sesións e evitar os abusos de poder do alcalde alén doutras modificacións necesarias”.
O BNG, adianta Seara, “seguirá insistindo na necesidade de impulsar medidas de choque para evitar que a zona histórica siga deteriorándose cada día máis”, e engade, “en relación coas Prazas de Abastos, promoveremos no caso da Praza da Ponte a súa apertura o antes posible ligada a un modelo de explotación vinculado ao territorio e no caso da Praza de Abastos nº 1, promoveremos a redacción do Plan Funcional que permita o traslado das praceiras e praceiros á maior brevedade posible”.
A UPO, a recuperación do ciclo festivo e da actividade cultural,o respecto á lingua propia, a aposta e visibilización de grupos locais e a loita pola igualdade e o respecto, serán outros dos eixos fundamentais na acción de oposición do BNG no actual mandato.
Luís Seara avanzou que “ao igual que fixemos nestes últimos catro anos, o BNG estará a pé de rúa e terá a porta sempre aberta para escoitar as demandas, reivindicacións e necesidades da veciñanza e para trasladalas á institución. Teremos a man tendida para traballar a prol dos intereses do Concello, algo que demostramos no anterior mandato xa que quero lembrar que co voto favorable do BNG aprobáronxe expedientes e proxectos por un importe total próximo aos 100 millóns de euros”. Luís Seara rematou dicindo que, “exerceremos unha oposición seria, responsable e leal coa veciñanza de Ourense”.