Residencia Mayores

O BNG exemplifica na residencia dos Gozos a falla de inspeccións, medidas preventivas e EPIs nos centros de maiores

O deputado Iago Tabarés critica no Parlamento galego a xestión da Xunta no caso do residencial de Pereiro de Aguiar, extensible a todos os do país

Óscar Gómez

Ourense |

O BNG exemplifica na residencia dos Gozos a falla de inspeccións, medidas preventivas e EPIs nos centros de maiores | onda cero

O BNG criticou hoxe no Parlamento galego a actuación da Xunta na residencia dos Gozos de Pereiro de Aguiar da que, segundo o deputado Iago Tabarés, evidencia a ausencia de inspeccións nos residenciais de maiores, a carencia de Equipos de Protección Individual (EPI), a falla ou insuficiencia de PCRs e a demora na comunicación de resultados aos centros.

“Como é posible que nun dos espazos máis vulnerables ás consecuencias dos contaxios, estes non fosen detectados antes de que atinxira á inmensa maioría das residentes?”, cuestionou Tabarés, logo de lembrar que localizado en setembro un único caso positivo de coronavirus na residencia dos Gozos, o gromo afectara tan só cinco días despois ao 80% das persoas residentes e a case 30 traballadoras. “Como era previsible, o resultado de tal neglixencia tivo consecuencias funestas: máis de 30 persoas finadas”, recalcou con dureza.

O deputado nacionalista preguntou ao Goberno galego na Cámara polo número de PCRs realizadas no residencial, polos medios de protección postos a disposición das traballadoras, polas inspeccións realizadas pola Xunta e polos tempos de comunicación ao centro logo do primeiro positivo dun traballador.

“A realidade é que non realizaban PCRs, que non controlaban que os residenciais dispuñan de equipos de protección individual nin que se cumpriran os protocolos, nin durante a COVID nin antes da pandemia”, sentenciou, para preguntar a continuación sobre o número de inspeccións realizadas nestes centros pola Xunta en 2019. “A resposta podemos deducila do acontecido na residencia San José de Celanova, que xa no mes de marzo tiña decenas de contaxios e decenas de falecidos”, reprochou.

Tabarés fixo tamén fincapé no “modelo de mercantilización” da atención ás persoas maiores, dados os últimos contratos adxudicados para o servizo de reserva e ocupación de prazas de atención residencial en concellos da provincia de Ourense. “Contratos repetitivos nos que se consagra a precarización laboral”, subliñou, logo de explicar que a puntuación máxima acádase só co 50% do persoal indefinido e as ratios que solicitan, do ano 1996, en poucos casos son melloradas.