Dentro da rolda de encontros con diferentes colectivos sociais, veciñais, culturais, deportivos ou profesionais, o Portavoz municipal e candidato á alcaldía Luís Seara, acompañado por Xosé Carballido, número 7 da candidatura do BNG ao Concello de Ourense espuxo diante do Foro Liceo o seu Programa de goberno ou o que é o mesmo, “as 20 medidas para transformar Ourense”.
Baseado en 5 eixos fundamentais, Ourense como concello sostible e da auga, acolledor, en movemento, creativo e económicamente activo, Seara destacou as principais medidas a adoptar polo BNG se ten responsabilidades de Goberno logo dos comicios do 28 de maio.
A aprobación definitiva do PXOM previa nova exposición pública, a reactivación e aplicación do PMUS a través da posta en marcha da oficina técnica que o desenvolva, a creación dunha oficina de captación de Fondos europeos ou a potenciación da oficina do PERI como elemento de dinamización social e económica da zona histórica son algunhas das propostas trasladadas no Foro Liceo polo candidato do BNG.
Seara fixo tamén referencia ao soterramento da Avda Otero Pedrayo, a construción de novos equipamentos deportivos cun novo estadio no barrio do Couto e a transformación do actual nunha cidade deportiva ou a construción dun pavillón adaptado á práctica da ximnasia, dun rocódromo e dunha piscina olímpica na Finca Santamariña no ámbito deportivo.
A humanización de toda a contorna da Praza de Abastos nº1, a construción dun xardín termal no antigo solar de Xardín das Burgas, converter a cadea vella nunn edificio multifuncional ou completar o paseo do Barbaña desde a Praza até a Muiñeira son outros dos proxectos abordados durante a reunión.
Luís Seara non quixo pasar por alto a actual situación do tecido cultural da cidade e por iso manifestou o seu firme compromiso por recuperar e potenciar o ciclo festivo e as actividades da UPO, para o cal propón a creación dunha Vicealcaldía cultural, así como implementar políticas de igualdade de xénero de maneira transversal a todo o concello, materia de suma importancia para o BNG e “que se exercerá directamente desde alcaldía”.