O BNG ven de iniciar unha campaña informativa relativa a non derrogación da Reforma Laboral e polo tanto en contra do texto proposto polo Goberno de PSOE e Unidas Podemos.
Membros do BNG de Ourense entre os que se atopaban os concelleiros Luis Seara e Rhut Reza, iniciaron na rúa do Paseo o reparto dun díptico onde se expoñen os motivos que levan aos nacionalistas a estar en contra do texto.
Este reparto levaraos o xoves ao barrio da Ponte e o venres ao do Couto. Desde o BNG fan tamén un chamamento á cidadanía a participar nas mobilizacións da CIG do vindeiro 30 de xaneiro, domingo.
O BNG apoiará activamente estas convocatorias contra a fraude que supón a nova reforma laboral de PSOE e UP e o ataque á clase traballadora. Esta xornada de mobilizacións vaise desenvolver de xeito conxunto en Galiza, Euskal Herria e Catalunya.
Neste sentido, tendo en conta que a convalidación do Real Decreto Lei da Reforma laboral (RD/lei 32/2021) está prevista para o 3 de febreiro tamén se van celebrar mobilizacións nas que o BNG participará activamente xa que segundo os nacionalistas O Real Decreto Lei aprobado polo Consello de Ministros a 28 de decembro de 2021 introduce poucas mudanzas e non toca, polo que consolida, os elementos máis lesivos da reforma laboral do Partido Popular do ano 2012.