O BNG ven de presentar a campaña de recollida de sinaturas que baixo o lema "Queremos Tren!" pretende pór de manifesto a situación actual na que se atopa a rede ferroviaria galega, rede cun gran déficit, deterioro e abandono de infraestruturas ferroviarias como consecuencia de decisións arbitrarias e inxustas, adoptadas durante anos polos gobernos español e galego e que polo tanto ter responsábeis directos, tanto PP como PSOE.
Segundo Sarín Núñez, "iniciamos esta campaña centrándonos nas localidades por onde temos liña férrea polo que desenvolveremos actos en Ourense, O Carballiño e o Irixo no caso da liña Ourense - Santiago, na Peroxa na liña Ourense - Monforte e na liña Ourense - A Gudiña desenvolveremos actos en Paderne de Allariz".
Núñez enumerou a continuación os lugares e as horas nas que se instalará a mesa informativa, destacando que se iniciará mañá venres en Ourense, máis concretamente na estación Empalme de 11:00 a 13:30 h. e continuando o vindeiro luns na rúa do Paseo no mesmo horario e en Sta Cruz de Arrabaldo o próximo domingo día 20.
"No Carballiño estaremos o mércores día 16, no Irixo o xoves 17, na Peroxa o sábado 26 e novamente no Carballiño o xoves 31 para rematar en Paderne o 13 de abril, en todos os casos con horario de 11:00 a 13:30 horas".
Para a deputada Noa Presas "esta campaña ten un claro obxectivo que non é outro que reclamar un tren digno para Ourense e un tren digno para o resto do país". Segundo Presas "hoxe é máis necesario ca nunca xa que temos que pensar no contexto no que nos atopamos actualmente, cunha crise climática que nos obriga a reducir o uso do coche mais tamén nunha crise económica con suba constantes de prezos, cos combustibles marcando prezos que imposibilitan que moita xente se poida trasladar para traballar ou estudar".
A todo o anterior hai que engadirlle a suba da luz e da cesta da compra. Noa Presas ten claro que ante esta situación "é máis necesario ca nunca un transporte público digno que vertebre o territorio e o que vemos é que Ourense e Galiza vai tarde nesta cuestión", e engade, "pensemos por un momento na situación na que se atopa esta NOTA DE PRENSA
comarca, non temos transporte metropolitano por autobús, sendo a única comarca do país nesta situación e temos un tren absolutamente inservible".
Neste senso Presas incidiu na necesidade de mellorar as conexións por exemplo entre Ourense e Lugo na que apenas hai trens, imposibilitando un desprazamento axeitado. "Calquera persoa que viva en Valdeorras ou Ourense non pode empregar este medio de transporte".
Noa Presas fixo referencia á situación da liña Ourense - Vigo, sendo imposible poder ir e vir no mesmo día por non falar das persoas que se atopan en vilas intermedias como pode ser Ribadavia. No tocante a liña Ourense - Santiago, para Presas "Localidades como o Carballiño quedan illadas pese ao aumento de frecuenzas".
No BNG teñen claro que "estamos a ver como a chegada do AVE, con máis de vinte anos de atraso, non se acompaña dun axuste dos horarios para facilitar a mobilidade interior, senón que se están a dar moitos problemas porque a prioridade é a conexión con Madrid".
"Precisamos máis oferta e que os horarios poidan ser útiles á poboación que se despraza para estudar ou traballar. Ademais, é necesario impulsar unha oferta nas liñas coñecidas como “rexionais” entre Santiago, Vigo e Valdeorras e a cidade de Ourense pois a día de hoxe é imposíbel desprazarse en tren".
No BNG afirman apostar por unha mobilidade que responda ás necesidades das galegas e galegos, e que contribúa á vertebración e ao desenvolvemento do país. Por estas razóns abogan por:
• Que a Xunta de Galiza asuma todas as competencias en materia de ferrocarril interior.
• Creación dunha operadora ferroviaria pública galega “Galtren” a través da cal pór en marcha un servizo de trens de cercanías, recuperando as liñas abandonadas, mantendo e aumentando liñas, frecuencias e paradas, e creando novos apeadeiros en zonas de crecemento poboacional.
• Que o tren sexa considerado un servizo público básico, universal e economicamente sustentábel.
• A restitución inmediata das liñas suprimidas coa desculpa da COVID-19, e de forma urxente a do Avant Ourense – A Coruña das 06:45h.
• A mellora da oferta horaria para facilitar os desprazamentos de estudos e traballo.
• A rebaixa de cando menos un 30% do prezo da liña Avant Ourense – Santiago – A Coruña, actualmente un 60% máis cara que as liñas atlánticas.
• O aumento das liñas rexionais entre Ourense – Santiago, Ourense – Vigo e Ourense –Valdeorras para dar cobertura ás paradas intermedias, hoxe abandonadas.
• Recuperación das paradas de tren alí onde haxa apeadeiros ou estacións.