Desde o Grupo parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo, denuncian que a aprobación da relación de postos de traballo da entidade pública empresarial Augas de Galiza implicará a amortización de, cando menos, dous postos de traballo e “de facto” o peche da oficina da entidade en Ourense.
Para o deputado por Ourense Iago Tabarés, “non existe dúbida que o afastamento do servizo do lugar vai en detrimento da calidade e da atención do mesmo. Máis unha vez a Xunta de Galiza, ao abeiro dunha inxustificada racionalización do gasto, toma decisións claramente prexudiciais para Ourense e a súa cidadanía”.
E é que segundo o BNG e sen prexuízo das tarefas de tramitación administrativa que poda realizar o persoal da oficina territorial da entidade Augas de Galiza en Ourense, “tamén realiza tarefas de xestión e control das obras de depuración de augas, limpas e residuais, control de calidade e acompañamento, xestión cos concellos da demarcación de Ourense, así como presta asesoramento a cidadanía e as comunidades de usuarios comopoden ser os regantes”.
Os nacionalistas tamén salientan que nos propios estatutos da entidade, establécese como unha das súas obrigas, “a xestión do rexistro e do servizo de atención ao cidadán”, así como “o seguimento da execución das obras programadas polos servizos centrais de Augas de Galiza e que lles sexan expresamente encomendadas”.
Para Iago Tabarés, o peche da oficina territorial de Ourense que se pretende executar, “non só implica unha eliminación do emprego nunha demarcación singularmente afectada pola perda de postos de traballo e consecuentemente de poboación, senón que supón un chanzo máis na supresión e redución nos servizos públicos que recibe a cidadanía de Ourense”, ao que engade, “a estrutura poboacional de Ourense, a escasa e deficiente implantación das infraestrutura tecnolóxicas obrigarán a maiores desprazamentos para acceder ao servizo que antes se prestaba na oficina de Ourense”.
Pero no BNG afondan aínda máis ao afirmar que “esto afecta ás propias obras que en materia de abastecemento e saneamento de augas se están a realizar nos diferentes concellos de Ourense, en moitos casos coa colaboración da propia Entidade Augas de Galiza, feito que de por si, xustificarían a necesidade do mantemento da oficina territorial para un mellor e máis eficaz control da execución das infraestruturas”.
Polos motivos anteriormente expostos é polo que desde o BNG solicitarán ao Parlamento “instar a Xunta de Galiza a realizar as xestións necesarias para manter o servizo territorial de Augas de Galiza na cidade de Ourense coa organización e cadro de persoal actualmente existente, que posibilite á atención directa e presencial á cidadanía e o mellor cumprimento das funcións que ten conferidas a Entidade”.