Desde o Grupo municipal do BNG entenden que o anuncio feito polo Goberno Local de pór a disposición da veciñanza os bonos de 100 euros para o seu gasto no comercio local e na hostalería do concello responde única e exclusivamente ao uso partidista e electoralista que desde o primeiro momento quixo facer o alcalde dos mesmos.
Desde a formación nacionalista lembran que o acordo para destinar os preto de 10 millóns de euros sobrantes das axudas concedidas no seu día ao sector hostaleiro para paliar as consecuencias da pandemia derivada da COVID-19 foi aprobado por unanimidade da Corporación hai preto de dous anos.
O Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara, lamenta que ao longo de todo este tempo “non se fixera nada”, tendo claro que o alcalde converteu “o que debía ser un instrumento ao servizo do comercio local, das autónomas e da pequena empresa de Ourense, nunha baza electoral”.
Seara lamenta que “non tivo en conta ningunha das propostas que se fixeron desde o BNG e que buscaban un reparto máis xusto dos cartos públicos para que chegaran a todos os sectores e o maior número de negocios”, e engade, “estas axudas, que inicialmente estaban previstas doutro xeito, tiñan que estar en funcionamento desde hai anos e o alcalde fixo o posible para que foran en plena campaña electoral, o que demostra o seu grao de obscenidade política e de indecencia”.