Concello de Ourense

O BNG leva ao Parlamento galego o colapso do CHUO

O BNG pide á Xunta que reabra camas, reforce atención primaria e contrate máis persoal para garantir un correcto funcionamento das urxencias.

Noa Presas recorda que “ xa pediu reiteradamente á Xunta que non empregase a coartada da ampliación da UCI, moi necesaria, para reducir camas pois non podía facerse unha cousa a costa da outra. Nese sentido, seguen vixentes as reclamacións do persoal e da formación nacionalista de que se rectifique o peche de ata 22 camas de hospitalización que se empregaban na 4ª planta dereita do materno, reforzando áreas tan necesitadas como medicina interna e cardioloxía.”

Óscar Gómez

Ourense | 13.09.2021 12:47

Entrada a urxencias do CHOU
Entrada a urxencias do CHOU | La Voz de Galicia

O Grupo Parlamentario do BNG rexistrou unha batería de medidas para demandar da Xunta explicacións pola situación das urxencias do hospital de Ourense e que escoite as e os profesionais do CHUO que esta fin de semana lanzaban novamente as alertas. A Comisión de Centro vén de denunciar que desde hai un mes o servizo de urxencias non deixa de aumentar en canto a pacientes debido ao colapso da atención primaria, a que o servizo de medicina interna está infradotado e a que hospitalización leva con 22 camas pechadas desde abril.

Noa Presas recorda que “o BNG xa pediu reiteradamente á Xunta que non empregase a coartada da ampliación da UCI, moi necesaria, para reducir camas pois non podía facerse unha cousa a costa da outra. Nese sentido, seguen vixentes as reclamacións do persoal e da formación nacionalista de que se rectifique o peche de ata 22 camas de hospitalización que se empregaban na 4ª planta dereita do materno, reforzando áreas tan necesitadas como medicina interna e cardioloxía.”

CHOU
Edificio do Hospital Cristal, que desaparecerá coa nova obra de remodelación. | Faro de Vigo

Para o BNG “a Xunta está actuando de forma irresponsable e mentres cada semana volve anunciar as mesmas obras non fai un esforzo para atender os problemas da atención sanitaria da cidade, que como outras partes do país está a sufrir as consecuencias do abandono da atención primaria. As longas agardas para poder ter unha cita presencial ou mesmo telefónica derivan en que a xente vaia a urxencias por patoloxías que podían atallarse doutra forma, e iso pon en perigo ás persoas porque se colapsan os servizos.”

Ademais, Presas recordou que “en Galiza cada vez hai máis lista de agarda para acudir a un especialista ou operarse, e isto ten consecuencias negativas sobre a vidas das persoas ao demorárense os diagnósticos. De feito, no último ano, as propias listas oficiais, que ocultan a miles de pacientes pola forma de facerse, non deixan de medrar e hai máis de 40.316 persoas agardando por unha operación e máis de 150.000 persoas agardando cita de especialista, máis do que hai un ano”.

O BNG reclama “que se dote un Plan de choque que permita un investimento urxente de 200 M€ adicionais a nivel galego, que permita contratar máis persoal e dotar de máis medios a atención primaria e que no CHUO se reabran as camas pechadas e se reforce medicina interna para evitar esta situación de colapso. A Xunta debe escoitar as e os profesionais e abandonar a súa sobebia”.