Ourense Cidade

O BNG pedirá que a Xunta de Galiza asuma as competencias dos Conservatorios municipais de música

No BNG fan referencia aos 23 Concellos que a Xunta asume a xestión e o custo practicamente completo dos centros educativos de música con Titulación Oficial e regrada no Grao Profesional e que dependen directamente da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP

Óscar Gómez

Ourense |

O BNG pedirá que a Xunta de Galiza asuma as competencias dos Conservatorios municipais de música
O BNG pedirá que a Xunta de Galiza asuma as competencias dos Conservatorios municipais de música | Faro de Vigo

O Grupo Parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo vén de solicitar a través dunha PNL, que a Xunta de Galiza asuma as competencias con respecto aos Conservatorios municipais galegos, é dicir, asumir os custos de xestión, a cobertura do persoal así como a xestión de todo o material necesario.

Cristina Fernández afirma que “en Galiza existe unha rede de Conservatorios con ensinanzas especiais no ámbito musical regradas e onde as competencias son asumidas polos concellos aínda que teñan alumnado que reside nos concellos próximos ou incluso en vilas onde os Conservatorios da Xunta no contan con prazas vacantes nos instrumentos escollidos polo estudantado”.

Segundo a deputada Fernández Davila, “este feito provoca unha serie de circunstancias absurdas e contraditorias que só teñen por obxecto que o Goberno galego non asuma as competencias propias da Consellería de Educación e evitar así os custos que supón o mantemento, a dotación de recursos materias así como dos docentes e do resto de persoal dos centros”.

No BNG consideran que “non parece apropiado que un Concello asuma o custo desta etapa formativa do alumnado matriculado no seu Conservatorio cando ten a súa residencia noutro”, e engaden, “tampouco ten sentido que, sen ter acceso ás listaxes do profesorado que si ten a Consellería de Educación, teñan que facerse cargo de cubrir baixas laborais, permisos ou vacacións ou mesmo cubrir vacantes, dándose en numerosas ocasións situacións de imposibilidade de cobertura das mesmas coa consecuente falta de atención docente que iso provoca”.

Cristina Fernández aboga por que existe unha escoita “previa entre as direccións dos Centros e as comunidades educativas para avanzar no obxectivo de que pasen a ser Conservatorios da Xunta de Galiza”.