Incendios

O BNG pide a comparecencia do conselleiro de Medio Rural ante a onda de lumes

O BNG considera incomprensible a falta de medios en efectivos de brigadas ou no material que se pon a disposición dos concellos como as motobombas.

Óscar Gómez

Ourense | 18.07.2022 09:34

O BNG pide a comparecencia do conselleiro de Medio Rural ante a onda de lumes
O BNG pide a comparecencia do conselleiro de Medio Rural ante a onda de lumes | onda cero

Ante a sucesión de lumes e nunha situación de risco extremo de incendios, o BNG solicita a comparecencia urxente do conselleiro de Medio Rural na Deputación permanente do Parlamento, para que explique que medidas está adoptando o Goberno do PP, máxime cando se suceden as denuncias por falta de medios. A formación que lidera Ana Pontón levará esta petición a Mesa da Cámara que se reúne mañá mesmo, para que esa comparecencia se substancia o antes posible.

“É realmente preocupante que estean chegando denuncias de distintas partes do territorio de brigadas que están sen a metade dos seus efectivos, incluso casos nos que a brigada só conta cun profesional, o que supón un risco contra a seguridade do propio traballador ademais de impedir afrontar a loita contra os lumes coas garantías necesarias”, explica a portavoz parlamentaria de montes e deputada por Ourense, María Albert.

Albert subliña que os lumes están afectando especialmente a unhas zonas do territorio de importante valor ambiental e natural, “que debería ter unha protección especial, como é o caso do Courel, O Invernadoiro, Trevinca, sen que contasen con medidas específicas pese a que xa teñen sido pasto das lapas nos últimos anos e mesmo nos último meses”, alega.

O Bloque tamén quere que o Goberno do PP, a través do titular de Medio Rural, explique no Parlamento porqué os convenios cos concellos están maioritariamente sen asinar, porqué as brigadas municipais non están traballando ou os convenios de motobomba inoperativos. Unha situación que está afectando moi gravemente nas labores de extinción pola falta de material, de medios e de apoio por parte da consellería que dirixe José González”, recalcou a deputada nacionalista.

“Unha escaseza de medios que consideramos incomprensible a mediados de xullo”, denuncia Albert, cun verán que está a ter temperaturas extremas e despois dun inverno moi seco, motivos sobrados para que o Goberno do Partido Popular tivese todo a punto en materia de extinción, argumenta.

Desde o BNG séguese con preocupación os lumes que se están a suceder por toda Galiza e traslada todo o seu apoio ao persoal que traballa na loita contra o lume e a poboación afectada, tendo en conta que algúns dos incendios, algúns de nivel dou, mesmo ameazando a vivendas.