O Concello de Ourense quedou fóra do reparto de fondos da primeira convocatoria dos Next Generation aprobada polo Goberno do Estado, o que supon ser, xunto a Ferrol, as únicas cidades do país que non captaron ningún fondo.
Para o portavoz do BNG no Concello Luis Seara este feito revela unha vez máis "a incapacidade para xestionar e a falla de ideas do Goberno PP - DO". Seara reclama saber se os motivos de que Ourense fique fóra do reparto dos fondos "ten que ver con que non se presentou ningún proxecto, algo que sería extremadamente grave ou se pola contra ditos proxectos non eran os máis acaídos para a convocatoria".
Igualmente lembra que hai poucas semanas e grazas a insistencia dos nacionalistas no Congreso dos Deputados, "conseguimos clarexar definitivamente a situación da subvención da Praza de Abastos nº 1 xa que PP e DO non facían máis que marear a perdiz e ocultar a realidade".
Unha realidade que revelou que o concello perdeu por non presentar en tempo e forma a documentación xustificativa, a primeira anualidade de dita subvención e que ascende a "máis dun millón de euros".
Por último Luis Seara lembra a belixerancia coa que o actual rexedor, Gonzalo P. Jácome actuou cando estando na oposición, o concelleiro Jorge Pumar perdeu unha subvención pertecente aos fondos EDUSI da Unión Europea, "chegando a pedir en varias ocasións a dimisión do propio Pumar e adicándolle non poucos adxectivos descalificativos tanto a el como ao resto do goberno do PP de entón".
Oa Grupo Municipal do BNG "xa nos tardan as explicacións do Goberno Local ante esta nova desfeita".