Agresion sexual

O BNG pide información clara e campañas de concienciación sobre as agresións sexuais

Diante do anuncio do novo protocolo do CHUO, “calquera intento de mellorar a atención é benvido, pero é necesario que se acompañe de información clara sobre a situación e campañas dirixidas tanto a potenciais agresores como vítimas”

O BNG pide tamén garantir formación para as e os profesionais, seguimento e avaliación do protocolo e que se poida analizar en Ourense calquera substancia das empregadas para este tipo de agresións.

Óscar Gómez

Ourense | 14.12.2021 08:03

O BNG pide información clara e campañas de concienciación sobre as agresións sexuais
O BNG pide información clara e campañas de concienciación sobre as agresións sexuais | onda cero

Noa Presas e Iago Tabarés, rexistraron iniciativas no Parlamento Galego respecto do protocolo anunciado nos medios de comunicación respecto dos casos de intoxicacións con burundanga e outras substancias no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense e ás actuacións complementarias que debe impulsar a Xunta de Galiza.

Noa Presas afirmou que “calquera paso para mellorar a atención ten que ser benvido, mais sorprende que este anuncio se faga a través dos medios e sen dar información oficial clara sobre o aumento de casos, xa que isto pode xerar alarmismo e ademais unha vitimización das mulleres. Precisamos que o novo protocolo se acompañe de información clara por parte das autoridades.

Así mesmo, Presas insiste en que “é necesario que estas medidas se acompañen tanto de programas de formación específicos nas institucións (sanitarias, policiais...) que deben atender os casos como de campañas de concienciación e educación na sociedade galega, especialmente nos centros educativos. Campañas que fuxan do alarmismo, informen con claridade á sociedade e procuren a concienciación sobre esta violencia en potenciais vítimas e potenciais agresores.”

O BNG tamén propón que “se impulsen as actuacións de coordinación interinstitucional necesarias para facer seguimento e avaliación do protocolo iniciado no CHUO respecto das agresións sexuais con submisión química de cara a poder melloralo globalmente no marco das actuacións orientadas á atención á violencia sexual e estendelo a outros centros sanitarios.”

A formación nacionalista tamén amosa a súa “preocupación respecto de que en Ourense non se conte cos materiais necesarios para analizar substancias como a ketamina e pide que se incrementen os recursos para mellorar a atención destes casos.”