A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón reclama a Feixóo que retire o expediente disciplinario contra o responsable do Servizo de Xinecoloxía do Hospital de Verín, Javier Castrillo e o cese dos responsables. Anuncia a presentación de iniciativas contra a decisión e a participación nas mobilizacións de apoio ao doutor Castrillo
Pontón asegura que o expediente a unha das caras máis visibles da loita “Verín non se pecha” é o resultado de como entende Feixóo e o PP o debate da sanidade. Resulta “impresentable” en termos democráticos, explicou a portavoz do BNG, abrir un expediente disciplinario á persoa que loitou contra o peche do paritorio de Verín, rexeitou os recortes en sanidade e “torceu os plans do PP para recortar servizos no ámbito do medio rural”. É “impresentable” recalcou a nacionalista, que o partido popular abra un expediente ao Dr. Castrillo e na súa opinión, este proceder coloca a Feixóo como “a máxima expresión da persecución ideolóxica das persoas que se pronuncian contra o seu modelo sanitario”.
Pontón exixe a retirada do expediente e que Feixóo “dea a cara” para explicar si está a favor ou en contra da medida, porque si está de acordo será “o máximo responsable” pero si non, debe retirar “ese expediente da vergoña” que non só busca ir contra un profesional senón contra a vontade maioritaria expresada por toda unha comarca baixo o lema “Verín non se pecha”.