O BNG presenta o seu Plan Ourense Vivo, un ambicioso proxecto de revitalización para o conxunto da provincia. “No BNG estamos centradas no importante, que é darlle a este País un cambio político que deixe atrás as políticas fracasadas do Partido Popular e un dos grandes fracasos do PP é a tremenda desigualdade territorial que hai aínda en Galiza e que vemos moi claro no caso das comarcas de Ourense”, afonda, para subliñar o “abandono e os incumprimentos reiterados” tanto do goberno galego como do estatal cunha parte do País que “perde poboación e oportunidades de futuro”.
Presas sinala o Plan Ourense Vivo como a alternativa do BNG que servirá para “cambiar o guión deste abandono” con propostas concretas que van dende o reforzo dos servizos públicos ao impulso económico, tanto dende o reforzo do Campus da Auga, como dunha estratexia de reindustrialización ou a aposta polo termalismo e polo potencial do medio rural.
Neste sentido, avanza que o Bloque traballa “en medidas ambiciosas que daremos a coñecer este próximo luns” e que enriquecerá nas próximas semanas cunha intensa axenda de encontros con representantes do ámbito económico, empresarial, social e cultural, dende o convencemento de que “hai futuro para Ourense” cun goberno do cambio presidido por Ana Pontón.
A deputada nacionalista recalca que para sacar a Ourense do abandono e darlle o futuro que merece “non valen nin localismos estériles nin proxectos importados das forzas estatais”; é preciso “un proxecto de País ao servizo dun impulso das comarcas ourensás”.
“No BNG estamos en condicións de ofrecelo porque temos a alternativa que precisa, o Plan Ourense Vivo”, afirma logo de mostrarse convencida de que o Bloque poderá executalo cun goberno con Pontón á fronte da Xunta que, segundo conclúe, é “unha oportunidade histórica para facer algo diferente para esta parte do País”.