Luís Seara lembrou que “xa en xuño de 2022 o Pleno do Concello aprobou por maioría, o expediente de modificación de crédito 14P/2022 por importe de 1,1 millóns de euros e cuxa xustificación do Grupo de Goberno para recabar o apoio da oposición baseábase na necesidade de apoiar ás entidades deportivas para paliar os efectos provocados pola pandemia”.
Daquela, o BNG, contrario ás subvencións nominativas tal e como leva acreditando ao longo dos últimos anos, abstívose en base a ese argumento para facilitar a aprobación do expediente. Mais coa nova proposta aquilo resultou ser, segundo Luís Seara, “unha mentira máis das tantas deste Goberno como se pode aprezar 15 meses despois xa que agora volta nóvamente cun paquete de axudas a determinados clubes, non a todos, consolidando un modelo de subvencións nominativas, un modelo arbitrario, inxusto e insolidario”.
Segundo Seara, o modelo é arbitrario “porque so beneficia a uns poucos clubes”, inxusto “porque non se beneficia quen máis fai polo deporte de base, polo deporte femenino pola inclusión social” e insolidario “porque o diñeiro público non pode utilizarse para pagar favores ou débedas”.
O BNG tamén lembrou as verbas do propio Jácome cando estaba na oposición e “criticaba con ferocidade as subvencións nominativas, agora, no Goberno, resulta ser un defensor a ultranza. Para vender o produto hai 15 meses, inventouse aquilo de ningún niño fuera, como se o modelo de concorrencia competitiva excluira aos rapaces da práctica deportiva”.
O Portavoz do BNG no Concello insiste, “todo está construído sobre unha enorme falacia, nós imos demostrar que o modelo clientelar de Jácome é moito peor que o modelo de concorrencia pública que defende o BNG. Cando o 27% das subencións as levan 2 clubes, que ademáis son SADs, algo non se está a facer ben”.
“O que se está a facer, a través desta vía, é primar a clubes, que son SAD, que adican ese diñeiro a fichar xogadores, a base non ve un patacón, aínda que a xestión sexa neglixente e acabe provocando, como nalgún caso, unha débeda elevadísima, débeda que enxougamos inxectando diñeiro público. Isto é unha aberración e vai en contra dos principios elementais da ética e do espíritu co que se creou o Consello Municipal de Deportes”.
A proposta do Grupo municipal do BNG e tal e como espuxo a Concelleira Rhut Reza, baséase fundamentalmente en “incrementar a partida para a liña 2, é dicir por concorrencia competitiva, até un e millón e medio de euros para que o diñeiro dos e das contribuíntes vaia ao deporte de base, feminino e aqueles clubes que practican a inclusión, que é a que ten que asegurar o futuro e a viabilidade dos clubes”.
Reza engadiu, “é a xustiza distributiva dos recursos a que non xera clubes de primeira ou de segunda, e iso é o que unha administración debe garantir. Nós cremos que temos que pornos a traballar desde xa para mellorar as actuais bases, que aínda que son un gran instrumento, precisan dalgún axuste, polo que lle trasladaremos ao Goberno a necesidade de convocar unha mesa de traballo na que poidan participar os representantes políticos e as entidades deportivas para avaliar e modificar as actuais Bases reguladoras”.
Para corroborar o dito, o BNG elaborou unha comparativa con todas as cantidades percibidas polos clubes a través da liña 2 durante os anos 2021-2022, a proposta de subvención nominativa feita polo Goberno para algúns deles, e a cantidade que coa proposta dos nacionalistas percibiría cada un dos clubes beneficiarios no ano 2022 cunha subvención por concorrencia competitiva collendo como referencia os puntos obtidos nesa convocatoria.
Os resultados segundo salientou Rhut Reza “non deixan lugar a dúbidas, coa proposta do BNG, o beneficio para todos os clubes é evidentes e notorio”.