Segundo o deputado do BNG por Ourense, “na recente visita do Presidente do Tribunal de Xustiza de Galiza ao partido xudicial de Ourense puido constatar persoalmente a situación de colapso que, desde hai anos, padece o Xulgado de Primeira Instancia número 6 de Ourense, especializado en materia de familia e capacidade”. Para incidir no feito de que “a pesares das medidas de reforzo e apoio adoptadas de xeito continuado nos últimos anos, as taxas de conxestión son elevadísimas e, en todo caso, inaceptábeis para un servizo público esencial e máxime nunha materia singularmente delicada, como é o dereito da familia e da persoa”.
Ao anteriormente exposto hai que engadir que a suspensión, por non dicir supresión, do servizo de mediación familiar intraxudicial ou o reparto de asuntos entre os diferentes órganos xudiciais son medidas que en nada favorecen a axilización da administración de xustiza.
Lembran ademáis que desde hai anos se ven reclamando a creación dunha nova praza de maxistrado ou maxistrada, sendo a taxa de conxestión do órgano colexiado superior a dous puntos, duplicando o que podería constituír a taxa ordinaria.
Así, podería estimarse en tres ou catro anos o tempo para a resolución dun asunto de familia ou sobre capacidade das persoas no partido xudicial de Ourense o que en modo algún pode considerarse asumible.