O BNG reafirma o seu posicionamento: moción de censura e que goberne a lista máis votada
Así llo trasladou o portavoz municipal Luis Seara aos voceiros de PSdeG-PSOE e o de Ciudadanos, ao do PP non foi posible pois non acudiron á reunión
Celebrouse no Liceo de Ourense a reunión solicitada polo BNG entre tódolos grupos municipais no Concello de Ourense. Á mesma asistiu Luis Seara, voceiro do BNG, Rafael Rodríguez ViIllarino, voceiro do PSdeG-PSOE e José Araujo, voceiro de Ciudadanos. Os tres concordaron na necesidade de que Gonzalo Pérez Jácome ten que deixar a alcaldía de Ourense pois a terceira cidade do país non se pode gobernar con 2 ou 3 concelleiros.
Coincidiron tamén na necesidade de que a cidade conte cun goberno estable que permita sacala da situación de incertidume e parálise na que se atopa. Así como en seguir falando nas vindeiras semanas. Ao mesmo tempo desde o BNG lamentan a ausencia ao encontro do PP e sobre todo que, intencionadamente, trabuque o obxecto do mesmo.
Segundo Luis Seara "O outro día Jesús Vázquez connoveunos a todos, cando embargado pola emoción, dicía que a él o que lle importaba era Ourense. Hoxe que vimos falar de Ourense, de buscar unha saída a unha situación de parálise e desgoberno, o PP non comparece".
¿Isto é o que realmente lle importa Ourense ao Partido Popular? preguntábase o portavoz nacionalista ao remate da xuntanza ao tempo que incidía "coa ausencia de hoxe, o PP comete a enésima traizón ás veciñas e veciños de Ourense. Hai pouco máis dun ano dándolle a alcaldía á persoa que calificaban de letal, agora abandonando o barco en plena tempestade e agochándose".
Para o BNG está claro, o PP prefire que a situación podreza antes que buscar unha saída que desbloquee a situación de caos e desgoberno na que está sumido o concello. Seara incidía na ausencia do PP, "Ademáis dunha enorme irresponsabilidade, esta atitude cobarde supón unha labazada a unha sociedade que pide que os grupos políticos teñamos altura de miras e antepoñamos o interese do concello ao rédito partidario".
Para o grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, "Ourense non resiste máis desleixo. O concello non pode seguir nesta situación de devalo e parálise porque isto afecta ao conxunto da sociedade, especialmente ás persoas máis vulnerables, nun momento de crise sanitaria, social e económica que está a golpear con dureza".
Non podemos permitir que esta situación se enquiste, cun alcalde atrincherado na alcaldía e que ten secuestrado o concello. Por iso, nós reiteramos o noso compromiso coa veciñanza.
Por todo o anterior o BNG en boca de Luis Seara reafírmase, moción de Censura e que goberne a forza máis votada, ao tempo que advirten, "se alguén ten outra proposta que a poña enriba da mesa. A nosa é clara e diáfana".