Na parte leste da área periurbana de Ourense están ubicados os Polígonos empresarias de Barreiros, San Cibrao das Viñas e do Pereiro de Aguiar, constituíndo o principal núcleo de desenvolvemento económico e industrial da Galiza interior. A área empresarial indicada, abrangue unha superficie de máis de 6 millóns de metros cadrados na que se asentan máis de 700 empresas que dan emprego a unha media de 10.000 traballadoras e traballadores.
seguen sen atenderse as demandas de solo empresarial
Actualmente a practica totalidade das aproximadamente 800 parcelas que compoñen o espazo empresarial están ocupadas, o que impide a posibilidade de instalación de novas iniciativas empresariais con capacidade para xerar actividade económica e emprego na comarca ao que hai que engadir, segundo afirman desde o BNG, “que o cambio de goberno producido no ano 2009 e a chegada do PP ao mesmo, supuxo a inmediata paralización dos proxectos de creación de solo empresarial na área periurbana de Ourense, sen que fosen substituídos por iniciativas alternativas”.
Para o deputado Iago Tabarés, “ao tempo seguen sen atenderse as demandas de solo empresarial, a poboación de Ourense continúa a diminuír e o número de empresas a descender”, e engade, “se a superficie empresarial non experimentou incremento significativo, tampouco as comunicacións melloraron substancialmente malia ser un dos aspectos esenciais para o desenvolvemento da actividade industrial dos polígonos”.
Tabarés alude ao feito de que “a día de hoxe segue pendente de execución a conexión do polígono de San Cibrao coa A-52 pois o vial realizado unicamente axiliza a comunicación viaria entre a autoestrada coa N-525 sen chegar a conectar con ningún dos Polígonos”.
“Ao tempo, a liberación da actual rede ferroviaria unha vez remate a liña do AVE no treito Taboadela – Ourense permitirá establecer unha liña de comunicación áxil e sustentábel para o transporte colectivo de pasaxeiros entre os Polígonos e a cidade, reducindo os tráficos de vehículos e a contaminación ambiental, medios que virían complementar ao transporte metropolitano de urxente posta en marcha”.