Ourense Provincia

O BNG reclama un Plan para recuperar as augas e terras da comarca da Limia

Xosé Luís Rivas instou á Xunta mudar o modelo e apostar pola gandaría extensiva de vacún, ovino e cabrún para recuperar 10.000 hectáreas en cinco anos

Óscar Gómez

Ourense | 09.03.2022 08:12

O BNG reclama un Plan para recuperar as augas e terras da comarca da Limia
O BNG reclama un Plan para recuperar as augas e terras da comarca da Limia | onda cero

O portavoz de Agricultura do BNG, Xosé Luís Rivas (Mini) instou á Xunta a rectificar e apostar por outro modelo que potencie a gandaría extensiva e sostible e impida situacións de “contaminación” de terras e augas por estercos e puríns procedentes de “granxas intensivas de porcino e aves” como acontece na comarca da Limia. A iniciativa para poñer en marcha un plan urxente co fin de recuperar as augas e terras afectadas foi rexeitada polo Partido popular.

Na súa intervención, o deputado explicou que o BNG xa advertiu, hai tempo, da grande dependencia do sistema produtivo galego da produción doutros países, que situou no 85% das materias primas para piensos (concentrados) para alimentar o gando e lembrou que “o noso país conta cunha Superficie Agraria Útil (SAU) do 21% fronte ao 40% de España e a media europea” que fai factible un cambio de modelo.

Nesta liña, recalcou que urxe establecer, de inmediato,” unha moratoria de novas explotacións gandeiras intensivas de porcino” e frear a ampliación das existentes e reclamou deseñar proxectos de compostaxe na xestión dos xurros para o seu aproveitamento como fertilizantes que substitúan os abonos de síntese naqueles lugares onde exista un excesivo número de explotacións gandeiras intensivas.

O nacionalista cualificou de “errática” a xestión da consellería de Medio Rural e aludiu ás declaracións do propio conselleiro sobre a inversión compartida entre Xunta e Estado para potenciar de “maneira sostible” o sector agrario da comarca, cando en realidade dos 36M€ son destinados 4 e aínda así, dixo, “seguen sacando peito”.

Ademais, criticou que as propostas da Mesa da Limia, do 4 de outubro do 2019, “quedaran en fume” como o Plan estratéxico Agrario para a Limia, un Plan de formación Agrogandeiro, ou sobre o anteproxecto de lei de Xestión de xurros e estercos. O deputado incidiu na gravidade da contaminación das terras e augas da comarca de Limia que representan a ameaza real de chegar a ser declarada “zona vulnerable por saturación de nitratos e fosfatos”.

Por outro lado, o parlamentario do BNG tamén defendeu instar ao goberno do Estado a axilizar a modernización do Regadío da Limia coas “partidas orzamentarias necesarias”.

Tras a intervención do portavoz popular , Elena Candia que presentou unha emenda á moción do BNG, o deputado nacionalista rexeitou a proposta afirmando que non aportaba ningunha mellora ao texto nacionalista nin se comprometía co sector. Nós dixo, “chamamos fume a todo o que leva o vento e todo o consensuado na Mesa da Limia, levouno o vento”. Mini negou que o problema sexa exclusivamente do regadía, pozos e canles, como afirmou a deputada do PP, o verdadeiro problema, reiterou, é “a contaminación por nitratos e fosfatos”. Ademais, propuxo instar ao goberno do Estado a que axilice a Modernización do Regadío da Limia e execute as partidas destinadas para tal fin.

Xosé Luís Rivas concluíu demandando un programa de apoio á gandaría extensiva na comarca da Limia de vacún de carne, ovino e cabrún para a recuperación de 10.000 has en cinco anos, medida que tamén foi rexeitada polo grupo maioritario do Partido popular, ao igual que o resto de medidas recollidas na moción do BNG.