Tren

O BNG reclama solucións ante os retrasos continuados nas frecuencias ferroviarias

A frente nacionalista apoia as reivindicacións das plataformas de usuarios e usuarias do ferrocarril na Galiza e demanda asegurar as indemnizacións das persoas afectadas polos retrasos, con independencia de que ente sexa o responsábel.

Óscar Gómez

Ourense | 23.01.2023 08:43

tren alta velocidad
tren alta velocidad | onda cero

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de rexistrar iniciativas de urxencia para que ADIF e RENFE garantan o servizo ferroviario en óptimas condicións na Galiza e asegurar que non continúen a producirse retrasos nas frecuencias ferroviarias. A frente nacionalista demanda axustar os horarios de saída e chegada dos trens actuais para que se correspondan cos tempos reais e que seb incrementen as frecuencias así como as prazas, para prestar unha cobertura adecuada ás persoas viaxeiras no Eixo Atlántico e no Corredor Avant Ourense-A Coruña.

As persoas usuarias de Renfe na Galiza, a través das organizacións como a Plataforma de Usuarios do Servizo Público de Media Distancia do Eixo Atlántico e o Corredor AVANT Ourense-A Coruña e a entidade Perder o Tren, denunciaron ante a Xunta Arbitral de Transportes da Galiza os retrasos sistemáticos da compañía ferroviaria.

RENFE alega que os atrasos están relacionados con incidencias da infraestrutura e considera que, ao se tratar de problemas deste tipo, non serían indemnizábeis por non ser da súa responsabilidade. É dicir, RENFE só indemnizará os atrasos derivados das accións provocadas pola compañía ferroviaria, non polas obras do ADIF, as limitacións de velocidade ou os problemas das instalacións de seguranza.

Mais, a frente nacionalista sinala que o gran número de atrasos que se producen polas limitacións temporais de velocidade levan tempo existindo e “aínda non procuraron solucións, convertendo en crónicas estas demoras”. Así sendo, as persoas viaxeiras son as que padecen os atrasos e chegan tarde diariamente “con independencia de se a responsabilidade é de ADIF ou de RENFE”, e teñen todo o dereito a que o servizo cumpra cos tempos de chegada e saída anunciados.

Por todo iso, as plataformas de persoas usuarias reclaman que RENFE deixe de vender uns tempos de viaxe que non se axustan á realidade. “Non pode tolerarse que diariamente se produzan atrasos que dificultan a vida das e dos viaxeiros para chegar aos seus lugares de traballo ou estudo a tempo” afirma o deputado BNG. Néstor Rego

reclama ao Goberno que realice todas as accións necesarias para asegurar que as condicións do servizo, sexan do ámbito das competencias de ADIF ou de RENFE, sexan as adecuadas e que se cumpran os horarios, evitando que continúen a se producir demoras diarias.

“Queremos que se axusten os horarios de saída e chegada dos trens actuais para que se correspondan cos tempos reais do traxecto e asegurar que non se producen atrasos crónicos diarios” explica Rego. Para o deputado nacionalista tamén é preciso que se “incrementen as frecuencias e prazas co obxectivo de axustar os horarios e dar unha cobertura adecuada ás necesidades e demanda das persoas viaxeiras no Eixo Atlántico e o Corredor Avant Ourense-A Coruña”.

Por último, a organización nacionalista reclama ao Goberno do Estado que asegure a indemnización das persoas afectadas polos continuos retrasos das liñas, con independencia de que ente sexa o responsábel.