O BNG reivindicará que en materia sanitaria, a Xunta cumpra con Ourense
O BNG presenta para debater en pleno, unha moción na que se pon de manifesto a necesidade de revertir os recortes acumulados ao longo dos últimos 11 anos
O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, levará a situación da sanidade ao vindeiro pleno municipal. A pandemia ocasionada polo COVID-19 puxo ao límite o noso sistema sanitario. Puxo en evidencia o preciso que é investir en saúde e as repercusión dos 11 anos de recortes aos que someteu o PP ao sistema sanitario.
Segundo afirman desde o BNG, A COVID-19, puxo de relevo que precisamos un sistema sanitario público forte, cunha Atención Primaria reforzada como porta de entrada, sen recortes, que permita responder ás necesidades de saúde da poboación e na que o persoal sanitario conte con recursos para que as persoas doentes poidan recibir a atención que precisan en cada momento e estar ben dimensionado para abordar as emerxencias sanitarias cando xurdan.
A drástica reducción da asistencia presencial, o peche de consultorios, algúns centros de saúde e PACs, restrinxir consultas, probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas nos hospitais son algunhas das reivindicacións que plantexan na moción os concelleiros do BNG.
Á situación de sobrecarga de traballo que padecían os profesionais da Atención Primaria previa ao coronavirus fóronlle engadindo tarefas de diagnose, seguimento, illamento, identificación por coronavirus e funcións de rastrexo. Unha sobrecarga da atención telefónica e da carga burocrática: teléfonos colapsados, o persoal administrativo e celadores ao límite, soportando unha presión tremenda, é imposíbel xestionar tanta chamada como a que se produce.
As consecuencias son desastrosas, segundo denuncian os nacionalistas. Escasísimos profesionais, que están ao límite, cun esgotamento físico e mental insoportábel, listas de agarda de semanas, incluso para unha consulta telefónica, doentes crónicos descompensados (persoas hipertensas, diabéticas, con cardiopatías, problemas renais, controis de saúde de pediatría con moitas demoras) persoas facendo cola á intemperie para acceder aos centros, ao tempo que seguen sen publicarse as listaxes de agarda que tiñan que terse feito públicas no mes de xullo.
No caso concreto do Concello de Ourense, para o BNG, é preciso completar o mapa sanitario do concello coa construcción do tan demandado centro de saúde do Vinteún, o cal permitirá desconxestionar o centro de saúde da Ponte ao tempo que dota a este barrio dunha infraestructura básica para a veciñanza, así como a construcción dun novo no barrio de Mariñanansa.
É necesario tamén, reforzar os equipos e os equipamentos do resto de centros de saúde do concello. A atención primaria debe xogar un papel fundamental, e para elo, debe estar o suficientemente dotada tanto no que ao cadro de persoal se refire, como no tocante aos medios materiais.
Por todo o anterior, o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense solicitará do pleno da corporación, a adoción de acordos baseados na instancia á Xunta de Galiza para que revirta a situación e para que cumpla con Ourense en materia sanitaria.
Para o BNG no Concello de Ourense, é necesario realizar de inmediato todas as accións precisas para activar a atención presencial en Atención Primaria para dar resposta ás demandas de atención pola COVID-19, mais tamén ao resto das patoloxías e rematar coas listaxes de agarda neste nivel asistencial, co persoal e as medidas de prevención de contaxios precisos, para garantir unha atención sanitaria digna á poboación. Establecer protocolos claros e unificados para a atención presencial de doentes para toda a Atención Primaria.
Aumentar nos centros de saúde o número de profesionais que sexa preciso para permitir aumentar o tempo e a calidade da atención asistencial así como incorporar as categorías profesionais imprescindíbeis para formar equipos multidisciplinares e prestar unha atención integral: psicólogos clínicos, terapeutas ocupacionais, logopedas, podólogos, etc. Aumentar os orzamentos destinados a Atención Primaria até chegar ao 25%, no inmediato 200 millóns de euros.
Modificar o Decreto que regula as Areas e os Distritos Sanitarios para crear unha estrutura de xestión da Atención Primaria con capacidade de decisión, orzamentaria e de recursos humanos é outra das reivindicacións xunto coa inmediata publicación das listaxes de agarda hospitalarias e poñer en marcha un plan de choque para reducilas.
Por último, para o Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense, é urxente Iniciar de xeito inmediato a tramitación precisa para a construcción e posta en funcionamento dos centros de saúde do barrio do Vinteún e do barrio de Mariñamansa.