Concello de Ourense

O BNG revela “a errática e nefasta xestión do Goberno Local” no ano 2022

O ano 2022 foi novamente un dos anos co nivel de execución máis baixo da última década con apenas o 46,48% do Orzamento total e cun 15% no capítulo de inversións.

Óscar Gómez

Ourense | 07.09.2023 08:02

O BNG revela “a errática e nefasta xestión do Goberno Local” no ano 2022
O BNG revela “a errática e nefasta xestión do Goberno Local” no ano 2022 | onda cero

Para o Grupo municipal do BNG o máis salientable do mesmo e así o manifesta o Portavoz Luís Seara “é comprobar unha vez máis en mans de quen está o Concello de Ourense” e engade, “o Goberno presidido por Jácome evidenciase como incapaz á hora de xestionar con eficacia e eficiencia”.

E é que os datos e as conclusións da liquidación indican que o ano 2022 foi, outra vez, un dos exercicios co grao de execución orzamentaria máis baixo da última década con apenas o 46,48% do total. Para Luís Seara outro dos datos máis significativos ten que ver “co grao de execución no capítulo de inversións xa que dun total de 98,22 millóns de euros, o Goberno apenas puido executar 14,78 millóns ou o que é o mesmo, o 15% do total”.

No BNG lembran as críticas, “feroces” do actual rexedor cando exercía de oposición “ante liquidacións que desde logo resultaban ser moito máis positivas, en comparación, que as coñecidas desde que é alcalde do Concello”.

Para a formación nacionalista os ataques e as propostas trasladadas nos últimos días e referidas ao persoal funcionario do Concello “non son casuais”. Luís Seara ten claro que “a intencionalidade do alcalde é clara, diante dun informe que pon en evidencia, e en contra do que predica, a súa errática e nefasta xestión, tenta botarlle á culpa ao funcionariado poñéndoo diante da sociedade como culpable de que no Concello as cousas non funcionen mellor”.

O BNG urxe ao actual rexedor a “deixarse de sinalar co dedo ao persoal do Concello e poñerse a traballar na elaboración dunha nova RPT, algo non soamente necesario e amplamente demandado polos sindicatos do Concello, senón esixido polo Xulgado xa que lembremos que no seu día foi anulado o capítulo I do Orzamento de 2020, o actualmente en vigor”.