O Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense solicitou na Xunta de Área de Urbanismo, Administración Xeral e loxística información acerca da sanción interposta polo Concello de Vigo a un vehículo oficial do Concello de Ourense, conducido habitualmente polo alcalde.
Para o Portavoz e candidato á alcaldía Luís Seara, “o primeiro que debe aclarar o Goberno Local é que facía un coche do concello, que ademais conduce habitualmente o alcalde, un sábado pola noite en Vigo e en segundo lugar por qué motivo cando se requeriu por parte do Concello de Vigo a identificación do conductor, esta non se fixo”.
É que tal e como afirman desde a formación nacionalista, como consecuencia da non identificación, o Concello de Ourense, titular do vehículo, terá que facer fronte á sanción máxima estipulada ao non identificar a persoa que conducía o coche no momento de ser sancionado nas inmediacións de Samil por un radar. Dita sanción ascendería a 200 euros de multa bonificada e a retirada de 4 puntos do carné do infractor. Ao non identificarse o conductor, a sanción sube aos 1.200 euros que terán que ser abonados polo Concello de Ourense, ou o que é o mesmo, polo conxunto da veciñanza, ao ser o titular do vehículo.
O BNG sumouse á petición feita en Xunta de Área por outros Grupos municipais a ter acceso ao contrato de aluguer do vehículo e se existe relación de conductores adscritos ao mesmo. Para o BNG non estamos diante dunha anécdota senón dun feito moi grave que pon de manifesto “como concibe Jácome e o seu equipo o uso dos recursos públicos, feito que en outras circunstancias terían provocado a dimisión ou o cese do responsable”.