Desde o Grupo municipal do BNG no Concello de Ourense manifestan en primeiro lugar o seu descontento ante a falta de previsión e planificación das obras que a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galiza está a desenvolver no Estadio do Couto e máis concretamente no referido á renovación do terreo de xogo, “unha actuación moi necesaria pero que non se planificou correctamente, o que ten unha enorme incidencia tanto deportiva como económica para os clubes que fan uso do estadio, nomeadamente á UD Ourense, polo alto número de seareiros que mobiliza en cada partido”.
Ante esta situación e a decisión adoptada tanto pola UD Ourense como polo Ourense CF de fixar como sede para os seus partidos oficiais, até que o Estadio do Couto volva estar operativo, o Campo municipal de Oira, desde o BNG e tal e como manifestou o seu Portavoz Luís Seara na reunión do Consello Reitor do CMD do pasado venres, “entendemos preciso que, ante o inicio das ligas tanto en 2ª como en 3ª RFEF, desde o Concello se adopten todas as medidas necesarias para facilitar o desprazamento dos seareiros até o campo de Oira”.
Por este motivo, o BNG, ven de solicitarlle ao Goberno Local “que os días de partido se reforce o servizo de transporte público das liñas que van ao Complexo Deportivo de Oira, concretamente as liñas 11A e 23, co obxectivo de facilitar o desprazamento das e dos seareiros, evitar que acodan nos seus vehículos particulares e minimizar así os problemas de tráfico derivados en toda a zona”.