Cultura

O BNG solicitará ao Concello a concreción de actividades arredor do día de Rosalía

A lectura dos seus poemas e o agasallo de libros en galego ao alumnado dos centros de ensino son algunhas das propostas nacionalistas, enmarcadas ademais dentro das propostas da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega.

Óscar Gómez

Ourense | 09.02.2022 12:17

Rosalía de Castro
Onda Cero | ondacero.es

O Grupo Municipal do BNG no Concello de Ourense rexistrou unha moción relativa á conmemoración do día de Rosalía de Castro o vindeiro día 23 de febreiro.

Segundo a concelleira nacionalista Rhut Reza “Rosalía de Castro é a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, desde a vontade firme e inequívoca do seu significado, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento”.

Para Reza a obra de Rosalía “é un retrato do pobo galego e goza dunha total actualidade”, ao que engade, “a difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas que colectivamente contribuímos a educar, sendo a súa palabra feita poesía ou prosa reflexiva un dos procedementos máis eficaces para fomentar o amor á nosa lingua e comprender a nosa identidade cultural”.

Para a formación nacionalista “coa presentación desta moción pretendese emprender e apoiar a realización de actividades de promoción da obra da nosa escritora que impliquen ao conxunto dos veciños e veciñas do noso concello o 23 de febreiro”.

De entre os puntos de acordo que o BNG propón na súa moción destacan, unha lectura pública da obra rosaliana nun lugar destacado do concello na que o alumnado dos centros escolares e persoas destacadas pola súa actividade cultural teñan o papel protagonista.

Finalmente, que desde a institución municipal se agasalle con libros de autoras e autores en lingua galega, comprados en librarías situadas no concello, ao alumnado daqueles centros de ensino que fagan actividades de celebración deste Día.