Elecciones Xunta de Galicia

O BNG ten un proxecto para recuperar Ourense como motor cultural

A cabeza de lista comprométese a derrogar o decretazo do plurilingüísmo e promover unha reactivación e posta en valor do patrimonio cultural galego

Óscar Gómez

Ourense |

Noa Presas, parlamentaria do BNG | 20minutos.es

A cabeza de lista do BNG por Ourense, Noa Presas, participou nun acto cultural na cidade onde reivindicou a cultura como un dereito. Asemade, chamou a mobilizarse o 12X para que se volva a reactivar o motor cultural e converter outra vez a Ourense na capital cultural “Bela Auria”.

No encontro participaron figuras distinguidas do sector cultural como Kiko da Silva e Xurxo Souto, ademais de contar cun recital de poesía e actuacións musicais. Durante o mesmo, destacouse “a década de demolición cultural” coa retirada do apoio á profesionalización e a persecución que sufriu o tecido cultural autoorganizado, popular e de base. “Para o PP a cultura é un pun que poñer na solapa da chaqueta o día do libro ou o día do cine mais á hora da verdade só retirou recursos” sinalou a cabeza de lista do BNG.

Presas afirmou que a cultura é un dereito, un ben de primeira necesidade e o alimento para ter unha sociedade viva e crítica. Apuntou tamén que o PP á fronte da Xunta de Galiza e mesmamente no Concello de Ourense levaron a cabo unha demolición do tecido cultural chegando a realizar “unha alianza anticultural” dan man de Jesus Vázquez e Jácome.

“O BNG ten un proxecto alternativo para recuperar a referencialidade de Ourense como motor cultural” sinalou Noa Presas. Entre as medidas defendidas pola formación nacionalista destaca o impulso dunha Lei do fondo cultural galego- previsto xa no Estatuto- dotado de orzamento propio “para financiar programas culturais e axudas para a creación e recuperación do patrimonio e a cultura de base”. Asemade, Presas comprometeuse a realizar tres novas leis para o sector literario, audiovisual e do escénico. “Temos un Ourense que non se resigna e un Ourense rebelde que segue creando e sendo referencia como a Miteu” confirmou Noa Presas.

Así mesmo, a cabeza de lista destacou a necesidade de medidas urxentes fronte á crise que sofre o sector coa pandemia da COVID-19 e prometeu que, a partir do 12X co BNG liderando o goberno galego, sacará propostas para facer fronte. Sinalou que é preciso a concesión de axudas directas a autónomos,

tamén do ámbito da cultura, así como axudas específicas para o sector. Desde a organización nacionalista sinalaron que as administracións tense que apostar por “unha programación cultural de quilómetro cero e de proximidade nun momento tan difícil”.

Apoio transversal á lingua galega

Desde o BNG durante o acto, tamén falaron sobre a lingua galega como “un dereito irrenunciábel”. A planificación lingüística da formación é a de normalizar o seu uso nun proceso “progresivo e diverso” consonante coa realidade sociolingüística. Queren garantir o dereito das persoas que viven en galego así como ofrecer unha contorna favorable che de oportunidades e recursos para a súa aprendizaxe. Presas sinalou a promesa de derrogar o decretazo do plurilingüísimo como medida a curto prazo e promocionar no sector socioeconómico a incorporación do galego no ámbito laboral