O pasado día 9 de maio e logo de levarse a cabo o procedemento de licitación correspondente, formalizábase o contrato para a execución das obras necesarias na piscina termal das Burgas, pechada desde principios do ano 2020 como consecuencia da Pandemia derivada da COVID-19, e poder adaptala así as novas esixencias establecidas na Lei 8/2019 do 23 de decembro, de regulación do aproveitamento lúdico das augas termais de Galiza.
Desde o Grupo municipal en funcións do BNG no Concello de Ourense veñen de reclamar o inicio urxente dunhas obras “que xa tiñan que estar executadas desde hai moito tempo, que están impedindo que tanto a veciñanza como as centos de persoas que nos visitan poidamos disfrutar delas e que tiñan que terse iniciado o pasado venres como moi tarde”.
Ademais de estar incumprindo o contrato asinado o pasado mes de maio, a Concelleira en funcións do BNG Rhut Reza pon o foco no feito de que “volve estar en risco a subvención concedida pola Xunta de Galiza para a execución das obras”, e engade, “xa o ano pasado, por mor da desidia e o desinterese do actual Goberno local, perdéronse os 150.000 euros que aportaba a Xunta para a súa execución, unha liña de axudas conquerida grazas ás iniciativas presentadas polo Grupo parlamentar do BNG no Pazo do Hórreo e nas que se solicitaba ao Goberno galego partidas para apoiar económicamente aos Concellos con instalacións termais para a súa adaptación á nova lei”.