O secretario da Deputación Provincial vén de confirmar que o BNG votou, xunto ao PP, en contra de rebaixar o prezo dos trens Avant a Ourense, tal e como informara o PSdeG-PSOE. O alto funcionario detalla nun informe que, durante o pasado pleno ordinario de xuño, os nacionalistas dixeron non á proposta socialista que reclamaba cosubvencionar as elevadas tarifas entre Xunta e Goberno central, así como repoñer todas as frecuencias suprimidas en Galicia durante a pandemia.
No documento explica que “o borrador da acta da sesión de 25 de xuño de 2021 está en estado de elaboración, se ben no punto referido, a trascrición do acordo adoptado polo pleno será” o seguinte: “Non se producen máis intervencións someténdose a votación a moción, que resulta rexeitada ao obter o voto favorable do Grupo Socialista (9) e do deputado non adscrito don José Miguel Caride Domínguez (1), o voto en contra do Grupo Popular (12), do grupo do BNG (1) e da deputada non adscrita dona Montserrat Lama Novoa (1), e a abstención de Democracia Ourensana (1)”.
O secretario tamén detalla as manifestacións dos diferentes grupos durante o debate e votación e conclúe que o BNG non expresou unha suposta abstención nin durante o debate nin durante a votación. “Das notas desta secretaría xeral e do exame da gravación da sesión resulta que alzaron a man para votar a favor, os deputados e deputadas do grupo do PSdeG-PSOE e o deputado non adscrito J.M. Caride Domínguez, para votar en contra os deputados e deputadas do grupo do PP, o deputado do BNG, e a deputada non adscrita Montserrat Lama Nóvoa, e para absterse o deputado do grupo de DO”, relata.
Con este voto en contra, os nacionalistas negáronse a igualar as tarifas coas dos trens de media distancia (MD) do Eixo Atlántico, que son un 70 % máis baratos tras unha decisión política da exministra do PP, Ana Pastor, que supuxo unha evidente discriminación co interior de Galicia. A proposta dos socialistas reclamaba unha subvención conxunta da Xunta e do Goberno central mediante un convenio, ao igual que practican outros gobernos autonómicos como, por exemplo, o de Castela e León (PP e Ciudadanos).
A propia Xunta subvencionou trens de media distancia anteriormente e propio Bloque Nacionalista Galego reclamou e aplaudiu esto mesmo para outros lugares da comunidade, polo que “non se comprende, baixo ningún concepto, esta dobre vara de medir” que “afonda na discriminación da provincia de Ourense dentro de Galicia”. No ano 2007, co PSdeG-PSOE e BNG en San Caetano, o goberno bipartito autorizou e asinou un convenio millonario con Renfe para mellorar parte dos servizos galegos de media distancia.
Non é o único exemplo. En 2010, o exdeputado do BNG no Congreso, Francisco Jorquera, reprochaba á Xunta recortar o convenio subscrito con Renfe ou a inoperancia do goberno galego no impulso dos trens MD. En 2007, o BNG tamén pedía que os convenios subscritos entre Xunta e Ministerio de Fomento que agora rexeita para Ourense, “non marxinasen” a Monforte de Lemos. Un ano antes, os nacionalistas impulsaron unha ampla campaña en concellos de Ferrolterra para “presionar” ao goberno galego, co fin de que impulsase, mediante a renovación de convenios con Renfe, novos servizos nesta comarca.