Cachamuíña, pulmón verde e centro de ocio natural na contorna da capital ourensá
O espazo albergará en 2021, no entorno do río Lonia, unha serie de infraestruturas deportivas e de lecer, impulsadas pola Deputación de Ourense e o Concello de Pereiro de Aguiar
A contorna da cidade de Ourense contará en 2021 co maior parque natural, de deporte e de ocio de toda a provincia, “unha infraestrutura que se situará no encoro de Cachamuíña (Pereiro de Aguiar), a poucos quilómetros da capital ourensán, e que se converterá no gran pulmón verde de Ourense”. Así o expresou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, quen visitou xunto co alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, os terreos onde se levarán a cabo estas actuacións medioambientais, únicas na provincia de Ourense.
Está previsto que a maioría das infraestruturas entren en funcionamento ao longo de 2021, todas ao redor de Cachamuíña, no río Lonia, un curso fluvial que nace en Nogueira de Ramuín e remata no río Miño, na capital ourensá, e que ten neste espazo do encoro un lugar idóneo para desenvolver esta infraestrutura que combina medio ambiente, ocio e deporte, impulsada pola Deputación de Ourense e o Concello de Pereiro de Aguiar.
O proxecto contempla a construción dun parque de calistenia, un método de adestramento deportivo con exercicios físicos que se executan co propio peso corporal. Para elo instalarase un sistema de barras para a realización de circuítos Workout nos que os deportistas poderán facer un adestramento ao aire libre que favorece a resistencia, a coordinación, a flexibilidade e mellora o ton muscular do corpo. Ademais, contémplase a construción dunha pasarela xunto ao río con accesibilidade para persoas con mobilidade reducida, un parque infantil, un parque canino e aseos, ademais dun aparcadoiro para permitir un fácil acceso aos usuarios a esta contorna natural.
Todo isto unirase ás infraestruturas xa existentes: un parque biosaudable e rutas de sendeirismo, contemplándose, asemade, a construción do denominado “Parque da Igualdade”, un espazo que prevé abrirse ao público no primeiro semestre de 2021 e que renderá homenaxe ás vítimas das violencia de xénero, ofrecendo aos visitantes “unha experiencia emocional percorrendo esta contorna natural”, afirma Baltar. O Parque da Igualdade, impulsado pola Deputación de Ourense, forma parte das iniciativas que promove o goberno provincial na liña de desenvolver políticas de sensibilización fronte á violencia machista, creando conciencia social diante desta lacra que afecta á poboación.
Economía Verde e Circular
Manuel Baltar afirma que toda esta actuación vai na liña estratéxica que impulsa a Deputación de Ourense de “Economía Verde” e “Economía Circular”, como xa avanzou días pasados no Debate sobre o estado da provincia, onde o pleno da corporación provincial aprobou 30 medidas para reactivar Ourense na era poscovid, entre elas, un proxecto de xestión ambiental integral que co-liderará a Deputación e que ofrecerá unha solución á xestión de residuos en liña, con tres ámbitos de actuación: planta de biometanización, planta solar fotovoltaica e planta de obtención de hidróxeno verde.
Outras propostas de Manuel Baltar neste ámbito e que tamén foron aprobadas no pleno, son a posta en marcha do Observatorio Mundial do Termalismo; a implantación en 2021 do proxecto Destino Turístico Intelixente: "Hai un Ourense para ti. Descúbreo"; o Centro de interpretación do Camiño de Santiago no edificio de Correos; e a construción do Centro Galego de Tecnificación do Hóckey.
Baltar remarca que a Deputación de Ourense desenvolve liñas de traballo no marco do Plan de Recuperación e no Pacto Verde Europeo que permitan con proxectos público-privados o crecemento cara a modelos económicos máis sustentables. “É un reto de todos: máis financiamento e máis sustentabilidade, para garantir unha repartición territorial equitativa dos fondos, para que as entidades locais xoguen o papel que lle corresponde no marco da Economía Verde", destaca o presidente Baltar, quen cualifica a actuación na contorna de Cachamuíña como “un exemplo para Europa do que significa combinar natureza, deporte e paisaxe coa proximidade a grandes núcleos de poboación. Trátase de aproveitar o que o medio natural nos ofrece e acondicionalo co máximo respecto medioambiental”.
Pola súa banda, o alcalde de Pereiro de Aguiar, Luis Menor, “agradece a sensibilidade do presidente Baltar, quen desde o primeiro momento apoiou este proxecto, que ten como obxectivo potenciar o deporte e o lecer sustentable nun municipio como o noso, que conta cunha ampla extensión de quilómetros cadrados próximos á capital ourensá e onde conviven perfectamente as actividades empresariais e industriais coas da natureza e residencial”.