Ourense Provincia

Camiña O Pereiro campaña de promoción da Ribeira Sacra

O concello do Pereiro de Aguiar, en colaboración coa Deputación Provincial de Ourense, lanza unha campaña de promoción turística do municipio centrada na práctica do sendeirismo e a posta en valor do seu patrimonio.

Óscar Gómez

Ourense | 03.11.2022 08:45

Camiña O Pereiro campaña de promoción da Ribeira Sacra
Camiña O Pereiro campaña de promoción da Ribeira Sacra | onda cero

A Xunta de Galicia, aprobaba a semana pasada a inclusión de novo do concello do Pereiro de Aguiar dentro do xeodestino turístico Ribeira Sacra. Situación que en palabras do seu rexedor, Luís Menor, “repara unha inxustiza cometida hai anos, volvendo agora ao lugar onde O Pereiro ten que estar por xeografía, cultura e patrimonio”. Con esta inclusión, na que se traballaba no concello dende a anualidade 2019, preténdese sumar un novo factor de dinamización á economía local. “Esta inclusión vai a supoñer incuestionables beneficios para O Pereiro e vai a ser un factor importante de dinamización da nosa economía, en especial da nosa oferta turística e de servizos, pero tamén vai a supoñer incuestionables beneficios para o territorio da Ribeira Sacra que será mais forte coa nosa incorporación”, afirma o alcalde Luís Menor.

Como primeira acción de promoción turística presentábase hoxe Camiña O Pereiro, unha campaña que pretende promover o coñecemento dos case 50 km de rutas de sendeirismo habilitados polo concello nos últimos anos coas coñecidas como Ruta dos Muíños, Ruta do Grañal, Ruta Sicenata Pacata ou Ruta Covas-Triós.

O encoro de Cachamuíña, como punto de encontro de miles de usuarios da área metropolitana e como primeiro punto de acceso á Ribeira Sacra dende Ourense, estreará a próxima semana unha exposición ao aire libre para poñer en valor o rico patrimonio natural e cultural do Pereiro. “Grazas á colaboración da Rede Española de Cidades Saudables imos poder promover o coñecemento dos nosos recursos mediante a práctica dunha actividade saudable como é o sendeirismo. Cada día son centos as persoas que se achegan ao encoro para gozar deste espazo, agora queremos que dende alí podan ter a infraestrutura e información necesaria para coñecer tamén outras partes igualmente atractivas do noso concello”, comenta o rexedor.

Os días 20 e 27 de novembro organizaranse actividades gratuítas e guiadas específicas de iniciación ao sendeirismo e á micoloxía para orientar a todas aquelas persoas que queiran aproximarse por vez primeira a esta práctica e a este territorio. Estas actividades teñen prazas limitadas. Aquelas persoas interesadas en participar deberán contactar vía correo electrónico na dirección rutasdepereiro@gmail.com