Neste tempo preto de 30.000 persoas visitaron os xardíns efémeros. As cifras mostran, segundo sinalaba o tenente de alcalde, Bernardo Varela, “a consolidación do Festival co paso dos anos, aínda que este verán as altas temperaturas que vivimos non favoreceron moito a visita”.
O evento alaricano, único no estado, converteuse, ao longo de 12 anos, nun referente paisaxístico. Asociacións e empresas do sector axudan ao incremento da presenza do Festival de Xardíns de Allariz no eido empresarial. A asemblea anual de AGAEXAR,a Asociación Galega de Apicultura ou outras relacionadas co turismo como Garden Tours ou Bomarzo son parte dos exemplos de que o Festival de Xardíns, ademais de ser un dos principais atractivos turísticos da localidade, é un motor económico de referencia para o sector.
Premio dos/as visitantes
Unha vez pechada esta edición, procedeuse ao reconto dos votos dos/as visitantes que ao acudir ao recinto teñen a opción de elixir o xardín que máis lles gusta. “Camiño do recordo”, do equipo madrileño Apaisados recibiu o 21,04% das votos polo que se converte no gañador do Festival Internacional de Xardíns de Allariz 2022 e permanecerá un ano máis no recinto do Festival.
O tema do xardín está adicado a persoas con alzhéimer. Como o seu nome indica “Camiño
do recordo” busca mover ós usuarios a lugares onde puideron crear algún recordo ao longo da túa vida e axudar a lembralo.
O segundo lugar, foi para o xardín do galego Daniel Carvajal Alonso, “Legado”, que cun 13,86% dos votos acadou a segunda posición.
E no terceiro posto, “Gardenarium”: The health rooms da italiana Martina Pappalardo, que con un 10,95% dos votos acadou esta terceira posición.
Aberto o prazo de presentación de proxectos para a edición 2023“A volta ao mundo en once xardíns”
O FIXA está a recibir novos deseños para o vindeiro concurso, aínda que ata o día 30 o prazo continúa aberto para recibir as propostas para o vindeiro ano baixo o lema “A volta ao mundo en once xardíns” . Toda a información en https:/www.allariz.gal/festival/concurso-2023/