As Novas Xeracións do Partido Popular de Ourense arrancan a iniciativa “Nadal Popular Solidario”, unha campaña solidaria de recollida de alimentos para este Nadal realizada en colaboración co Banco de Alimentos. O presidente provincial do PP de Ourense, Manuel Baltar; o presidente provincial das NNXX do PP de Ourense, Nacho Campo; e o presidente e vicepresidente de Banco de Alimentos de Ourense, Cecilio Santalices e Juan Carlos Provecho; reuníronse esta mañá na sede provincial do Partido Popular de Ourense para lanzar esta iniciativa, que se desenrolará ata o día 20 de decembro.
Todas as persoas interesadas en participar na campaña “Nadal Popular Solidario” poden depositar os alimentos doados na sede popular provincial, situada no número 33 da avenida de Buenos Aires da cidade. O presidente provincial define esta iniciativa como “o gran de area do PPdeOU dentro da extraordinario traballo que realizan cada día entidades como o propio Banco de Alimentos ou Cruz Vermella na atención das persoas que están a pasar por un mal momento, especialmente en contextos económicos complicados como o de agora e ás portas dunha data tan simbólica como é o Nadal”.
Pola súa banda, Nacho Campo destaca que esta será “a primeira de varias accións sociais e solidarias que temos plantexadas e xa marcadas no noso calendario do 2023”. A maiores resalta que “se trata dunha iniciativa que xurde dende os máis novos do partido” mostrando así a preocupación que os mozos teñen pola situación que están a vivir moitas familias. O presidente das Novas Xeracións da provincia remarca que “todo aquel que desexe colaborar poderá acudir a sede provincial do noso partido a depositar nela os alimentos que queira aportar, toda axuda é benvida”.
Dende o Banco de Alimentos quixeron agradecer esta iniciativa e animaron aos ourensáns a participar nesta campaña solidaria.